Santiago, 4 de abril de 2017.- O deputado do Grupo Popular Jaime Castiñeira solicitou hoxe no Parlamento que a empresa Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) “aplique bonificacións nos prezos de venda de solo empresarial nos polígonos da súa competencia semellantes aos que aplica a Xunta”. Neste sentido, criticou que En Marea rexeite a política de bonificacións da Xunta para a compra de solo empresarial, lamentando que “unicamente pidan bonificacións para o polígono de Vimianzo, esquecéndose doutros parques da Costa da Morte como o de Laracha, Malpica, Cee e Muros”.
Jaime Castiñeira lembrou que o programa de bonificacións de solo empresarial que leva adiante a Xunta “está dando bos resultados: lévanse adxudicados 750.000 metros cadrados con bonificacións do 30 ao 50 por cento”. Ademais, apuntou que existe a posibilidade de adquirir solo empresarial en dereito en superficie desde o 1,5 por cento anual do prezo de venda ata un máximo do 3,5 por cento.
DESCOÑECEMENTO DE EN MAREA
O deputado popular criticou “o descoñecemento do que é o solo industrial en Galicia amosa por En Marea, porque a xestión do solo empresarial en Galicia non se limita a Xestur ou á empresa Suelo Empresarial del Atlántico, senón que tamén existen polígonos xestionados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Entidade pública empresarial de solo Sepes e outros organismos como a Autoridade Portuaria de Vigo, a Zona Franca de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a Deputación de Lugo ou os propios concellos”.
Neste sentido, Castiñeira rexeitou “a pretensión de En Marea de que a empresa Suelo Empresarial del Atlántico ceda os seus polígonos empresariais a Xestur, porque seguiría habendo múltiples xestores de solo empresarial e, ademais, perderíamos investimentos do Estado en Galicia”.