Santiago, 12 de abril de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a iniciativa do Grupo Popular, instar á Xunta de Galicia a continuar co seu apoio ao noso sector lácteo mediante o mantemento das medidas e axudas xa implantadas, ao tempo que manteña o seu papel activo na defensa do sector lácteo, tanto no ámbito nacional coma no da Comunidade Europea.
O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, fixo un repaso polas numerosas medidas levadas a cabo nos últimos anos polo Goberno galego na defensa do sector lácteo. “Trátase dun conxunto de medidas vertebradoras e orientadas a garantir a pervivencia das explotacións lácteas a través da súa rendibilidade, que virá tanto polo incremento dos prezos de venta como tamén pola maior eficiencia na xestión dos custes de produción”,
apuntou.
CONTROIS
José González concretou que a Consellería do Medio Rural vén realizando nos últimos anos todos os controis que tiña asignados no desenvolvemento do Plan Nacional de Controis do Paquete Lácteo para velar pola axeitada aplicación do mesmo. Neste sentido, manifestou que “as infraccións detectadas, en función de quen é o órgano competente para a súa tramitación, ou ben son denunciadas á AICA ou ben son tramitadas como expedientes sancionadores por esta administración”.
Así mesmo, salientou que na aplicación en España da última Reforma da PAC conseguiuse establecer unha axuda acoplada para o sector lácteo cunha dotación de 94 millóns de euros, o que representa un incremento do 56 por cento respecto da contía anterior.
“A Consellería do Medio Rural tamén tivo moi presente a este sector no deseño do PDR 2014-2020 o que se traduce en apoios a través de axudas para o apoio á implantación de métodos de produción máis extensivos ou para as explotacións en zonas con limitacións naturais”, explicou.
O portavoz do Medio Rural tamén fixo referencia ás medidas postas en marcha polo Goberno central ao longo do último ano, tanto de apoio ás organizacións produtoras, como de promoción do consumo, a concesión de créditos a gandeiros de vacún de leite, a divulgación dos contratos lácteos, a potenciación do papel do INLAC ou o Plan estratéxico para a industria láctea.
“Xa está ben de dicir que non facemos nada, porque queda manifestado que non é así, como tamén é certo que se poden facer máis cousas, para as que xa temos a orientación do traballo a facer”, sinalou González Vázquez.
Máis en concreto, indicou que “temos que reforzar aos produtores, para que sexan fortes e con suficiente información; ao tempo que temos que incrementar a base territorial das explotacións”.