Santiago, 19 de abril de 2017.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe no Parlamento que o sistema de tratamento de residuos impulsado desde a Xunta de Galicia “funciona con eficiencia, pois Sogama pon en valor os residuos recibidos nas súas instalación e vén desenvolvendo un proceso continuo de optimización das súas instalacións que permite unha mellora continuada dos resultados”. Neste sentido, lembrou que Sogama ten previsto alcanzar o vertido técnico cero ao longo de 2019 “grazas ao proxecto de ampliación e optimización industrial que se iniciará o vindeiro mes de xuño”.
Gonzalo Trenor explicou que o modelo de xestión que impulsa a Xunta, a través do Plan autonómico de residuos aprobado en 2010, está baseado na xerarquía europea do tratamento de residuos establecida pola Directiva Europea 98/2008/CE, que recolle a valorización enerxética como a alternativa máis recomendable para as fraccións non valorizables materialmente fronte ao vertedoiro, como última opción.
RECICLAXE
“Á opción do vertedoiro recorren os outros dous modelos de xestión existentes en Galicia, os de Lousame e Nostián, para dar saída ao 60,1 por cento e ao 51,7 por cento do lixo que reciben, respectivamente”, concretou Trenor, que contrapuxo que Sogama “estea a enviar menos da metade a vertedoiro: un 23,7 por cento”.
O portavoz popular engadiu que a ampliación prevista en Sogama contempla un incremento da capacidade do complexo nun 81 por cento, de xeito que “poderá tratar de forma óptima nas súas instalacións todos os residuos urbanos producidos en Galicia”. Esta mellora permitirá ademais que a compañía multiplique por catro as cifras actuais de reciclaxe, chegando ás 120.000 toneladas anuais.
Respecto da reciclaxe, Trenor manifestou que a construción dunha nova planta de compostaxe industrial no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa permitirá obter cada ano entre 3.000 e 4.000 toneladas de compost de alta calidade, ao tempo que a través do programa de autocompostaxe que desenvolve Sogama xa se teñen distribuído máis de 6.700 composteiros entre as 216 entidades participantes.