Santiago, 20 de abril de 2017.- O portavoz de Novas Tecnoloxías do Grupo Popular, Moisés Blanco, criticou hoxe que os grupos da oposición “pretendan botar abaixo a proposición o acordo acadado hai menos dun mes no Pleno para que as empresas operadoras de telefonía estendan a cobertura de 30 megas ao 90 por cento da poboación do rural galego a finais de 2019”.
No debate dunha proposición non de lei sobre a conexión a internet no concello coruñés de A Capela, Moisés Blanco subliñou que o Plan de Banda Longa da Xunta permitiu que se pasara dunha cobertura de 3G ao 30 por cento da poboación ao 94 por cento, grazas aos traballos realizados en 53 núcleos de poboación deste municipio.
PLAN 2020
“Actualmente, o Plan de banda longa 2020 da Xunta ten entre os seus obxectivos que nese ano a práctica totalidade dos fogares galegos teñan acceso a unha conexión de cando menos 30 megas, para o que conta cun orzamento superior aos 18 millóns de euros”, explicou o portavoz popular.
Blanco afirmou que “o que procede agora é traballar conxuntamente para que todos os operadores de telefonía con presenza en Galicia intensifiquen os seus investimentos nas zonas rurais, de xeito que os veciños destas zonas gocen dunha cobertura de nova xeración”.