Santiago, 20 de abril de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González, salientou hoxe a “forte proxección da castaña de Galicia a nivel nacional e internacional en canto á súa capacidade de crecemento”, polo que avogou polo “incremento do volume de plantación de castiñeiros como vía de desenvolvemento do rural galego, especialmente nas zonas de montaña do interior de Galicia”.
José González, acompañado dos deputados Raquel Arias, Encarna Amigo e Daniel Vega, mantiveron unha xuntanza co presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, Jesús Quintá García.
VALOR ENGADIDO
No encontro púxose de manifesto o importante valor engadido que ten incorporado a I.X.P Castaña de Galicia nos últimos anos, salientando a importancia no só deste produto senón tamén dos soutos de castiñeiros polo seu valor medioambiental e paisaxístico.
Así mesmo, José González salientou “a calidade da castaña galega reflíctese nos máis de 20 millóns de euros anuais comercializados, con máis do 70 por cento fóra das fronteiras españolas, en especial a países como Xapón, Suíza ou Estados Unidos”.
Pola súa parte, o presidente da I.X.P. trasladou aos deputados do Grupo Popular a súa preocupación pola incidencia que pode ter na produción afeccións nos castiñeiros como o cancro ou a avespa, ao tempo que amosou a necesidade de mobilizar terra produtiva para a plantación de novos soutos.
COÑECER OS PRODUTOS GALEGOS DE CALIDADE
A visita enmárcase na rolda de contactos que o portavoz do Medio Rural está a realizar por todas as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de Galicia co fin de coñecer as súas demandas, así como amosarlles o apoio do Grupo Popular polo importante papel que xogan na comercialización e promoción dos produtos galegos de calidade.
O Grupo Popular continúa nesta lexislatura coa súa aposta decidida por un sector agroalimentario galego de calidade como base para o desenvolvemento do rural. Nesta liña, considérase esencial o apoio ás variedades e razas autóctonas da agricultura e gandería galegas, así como ás organizacións que garanten a calidade dos produtos galegos.