Santiago, 25 de abril de 2017.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos criticou hoxe que “a posición dos socialistas no que fai referencia ás relacións Estado español-Igrexa católica varíe substancialmente en función do espazo institucional que ocupe o seu partido”. “Espero que vostedes comecen a amosar un pouco de coherencia e manteñan na oposición posturas similares ás que tiñan no goberno, posturas razoables e non disparatadas”, apuntou.
Alberto Pazos lembrou que cando gobernan os socialistas “apelan á lealdade, ao respecto e á mutua confianza” coa Igrexa católica, “que levou ao Goberno de Zapatero a acordar coa Conferencia Episcopal un novo modelo de financiamento, que agora non dubidan en criticar”.
“En troques, cando están na oposición, substitúen esta postura pola da crítica feroz, o impulso da laicidade, cuestionando o Concordato coa Santa Sede, esixindo a eliminación da asignación tributaria que vostedes mesmos acordaron, ou esixindo a eliminación da bonificación do IBI unicamente para a Igrexa católica e non para outros beneficiarios desa mesma exención”, indicou.
Deste xeito, Alberto Pazos concretou que os socialistas “só propoñen retirar este suposto privilexio á Igrexa católica alegando unha lexítima preocupación pola non discriminación relixiosa e social, que non é máis que un disfraz para un profundo sectarismo froito do seu sentimento anticlerical”.
O deputado popular explicou que na actualidade “os privilexios do rexistro da Igrexa católica para inmatricular inmobles xa non existen, porque desapareceron grazas a unha modificación da Lei hipotecaria realizada polo Goberno do Partido Popular, que se fixo de acordo cos socialistas”.
“Nós creemos que a tolerancia e o respecto ás liberdades civís, o respecto á pluralidade e liberdade relixiosa, e o deber constitucional de colaboración do Estado con todas as confesións constitúe unha reforma democrática digna de ser defendida, e aí é onde nos vai atopar sempre que queiran alcanzar acordos”, manifestou Pazos.