Santiago, 27 de abril de 2017.- A deputada do Grupo Popular Marián García Míguez afirmou esta tarde no Parlamento que a recuperación do antigo Hospital do Rebullón en Mos para o desenvolvemento de novos servizos sociais ou sanitarios enmárcase nun “proceso máis amplo e global dos equipamentos sociais segundo a demanda das distintas áreas e un plantexamento coordinado e global dos usos de todos os edificios que son patrimonio da Xunta”.
García Míguez indicou que o PPdeG “comparte a necesidade de sacar o máximo rendemento aos edificios que son titularidade da Xunta, así como, do mesmo xeito que o Concello de Mos e outros deste área, de que o antigo Hospital do Rebullón é acaído para o desenvolvemento dos novos servizos sociais ou sanitarios que poida necesitar a comarca”.
VALORACIÓN COMPLETA
Neste sentido, manifestou que “a Xunta fará unha valoración completa das necesidades existente nesta contorna e das capacidades de uso que teñen estas instalacións” para decidir sobre o futuro do antigo Hospital do Rebullón.
“A valoración non se vai facer cun estudo concreto deste edificio, senón que entra no marco de procesos máis amplos e máis globais, como son o desenvolvemento de novos equipamentos sociais, segundo as avaliacións de demanda continua que fai o Goberno galego; ou como é o plan de alugueiros cero para a optimización de todo o patrimonio inmobiliario da Xunta”, explicou Marián García.