Santiago, 9 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade a proposición de lei, para presentar perante o Congreso dos Deputados, de transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 á Comunidade galega. O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, que será un dos deputados galegos que defendan esta transferencia na Cámara Baixa, afirmou que, de aprobarse esta lei, “será a primeira autoestrada da rede troncal estatal que se transfire sen estar recollida dita transferencia na Constitución Española”.
Fernández Prado salientou que “a unanimidade deste Parlamento ten a súa importancia e transcendencia política, tendo en conta a composición actual do Congreso dos Deputados e o feito de que non hai maiorías”.
Así mesmo, subliñou “a coherencia do voto do Partido Popular de Galicia que, independentemente de si está no Goberno ou na oposición, mantén unha postura igual, constante e coherente de solicitar a transferencia da AP-9, cousa que non poden dicir todos os grupos parlamentarios”.
MENOS ARGUMENTOS PARA REXEITAR
O portavoz popular lembrou que coa redacción do novo texto lexislativo “o Goberno central terá menos argumentos para dicir que non, pero iso non quita que sexa un obxectivo difícil porque sería a primeira autoestrada da rede troncal estatal que se transfire sen estar recollida a súa transferencia na Constitución Española”.
Neste sentido, explicou que no caso das autoestradas vascas puideron ser transferidas en virtude de la excepcionalidade establecida na Disposición Adicional Primeira da Constitución Española, na que se recolle o respecto dos “dereitos históricos dos territorios forais” entre os que están as estradas, unha das súas competencias más antiga.
No caso das autoestradas cataláns A-17 e A-19, o seu traspaso foi posible polo seu carácter complementario da A-7 e co compromiso de aceptación da sociedade concesionaria. “Non era o tronco central da A-7, que segue sen transferir e que sería a equiparable á A-9”, apuntou. Ademais, lembrou que “o Goberno Catalán recorreu posteriormente a Lei estatal de estradas para poder pedir a transferencia da A-7 e o Tribunal Constitucional fallou en contra con argumentacións que fan moi difícil o que hoxe demanda este Parlamento”.