Santiago, 23 de maio de 2017.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, subliñou esta tarde no Parlamento que “a subministración eléctrica é un ámbito prioritario para o actual Goberno galego e para o PPdeG, pola súa relevancia no benestar e na economía dos consumidores”.
Deste xeito, salientou que o Instituto Galego de Consumo e da Competencia tramitou preto de 20.000 reclamacións relacionadas coa enerxía eléctrica, das que o 80 por cento foron xa resoltas de xeito favorable para o consumidor.
Marta Nóvoa indicou que a Xunta de Galicia “é pioneira tanto en formar e informar ao consumidor en materia de enerxía eléctrica, como en defendelo”. Así, lembrou que desde 2009 abríronse cerca de 2.400 expedientes sancionadores a compañías eléctricas por valor de 24 millóns de euros, “unha cifra moi superior aos 9 expedientes abertos entre os anos do Goberno bipartito por valor de 97.000 euros”.
EN MAREA CONTRA DO BONO SOCIAL
No debate dunha proposición non de lei de En Marea sobre as prácticas comerciais das compañías eléctricas, Nóvoa criticou que “os seus compañeiros no Congreso dos Deputados votaron en contra do Real-Decreto Lei do bono social, que establece un novo marco máis beneficioso e con máis transparencia na contratación de subministro eléctrico para os usuarios”.
“Vostedes poden falar de todo, mesturar temas, pero esta é unha mostra máis de que as Mareas non queren solucións para a xente de Galicia, nin para a xente do resto de España”, lamentou a portavoz popular.