Santiago, 24 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, por iniciativa do Grupo Popular, instar á Xunta de Galicia a manter e promover as axudas na Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago nos próximos anos, como mínimo ata o ano 2020. “Contribuír á rehabilitación das vivendas e axudar aos seus habitantes é contribuír á fixación da poboación no medio rural de Galicia, un obxectivo que debe ser participado por todos os grupos políticos”, sinalou a deputada popular, María Antón.
Na súa intervención, Antón lembrou que a Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago en Galicia foi declarada a finais de 2010 no marco do Plan de Vivenda 2009-2012. “Foi unha aposta do Goberno galego pola valorización da Ruta Xacobea, pero, sobre todo, é unha aposta pola veciñanza das parroquias, vilas e cidades que forman parte desta importante ruta de peregrinación, no sentido de ofrecerlles unha liña específica para axudarlles a conservar o seu patrimonio máis importante: a vivenda”, sinalou.
Os destinatarios destas axudas son persoas propietarias únicas de edificios ou de vivendas, as comunidades de propietarios de vivendas ou as agrupacións de comunidades de propietarios de vivendas de 445 parroquias de 107 concellos galegos. Desde a declaración da ARI, xa se teñen rehabilitado 255 vivendas nos arredores dos Camiños de Santiago, nas que se investiron cerca de 1,5 millóns de euros, ás que se sumarán outras 235 vivendas que están en tramitación nas que se investirán máis de 1,1 millóns de euros.
AMPLIAR A NOVA CONVOCATORIA
María Antón lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa ten preparada unha nova convocatoria de axudas cunha previsión de investimento superior aos 2,1 millóns de euros, que se incardina na prórroga do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016.
“O programa Vivendas no Camiño ten un potencial maior do amosado ata agora, polo que o noso interese reside en que este programa perdure máis alá da xa anunciada convocatoria para este ano”, engadiu. Ademais, dixo que “debemos ser capaces de sensibilizar aos posibles beneficiarios para que utilicen estas axudas e ás administracións implicadas para que sexan áxiles na súa tramitación, xa que o procedemento administrativo non pode ser un freo á hora de facer efectivo o programa”.