Santiago, 26 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá, cos únicos votos favorables do Grupo Popular, unha proposición non de lei que incorpora diversas medidas de apoio aos viticultores afectados polas xeadas, que van desde a declaración como fenómeno climático adverso, rebaixas no IRPF dos viticultores afectados, bonificacións da Seguridade Social, préstamos a custe cero, o impulso da contratación de seguros contra xeadas ou o fomento da implantación de medidas anti xeadas.
O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, salientou que estas medidas son o resultado “dun estudo serio e rigoroso do problema”, aínda que recoñeceu que “é demasiado cedo para facer unha estimación definitiva dos danos causados polas xeadas”. “Non vamos deixar que caia viticultor algún, pero ímoslles axudar con rigor e seriedade”, indicou.
González Vázquez criticou que os grupos da oposición “falen alegremente de axudas directas para compensar a perda de uva”. Neste sentido, sinalou que a iniciativa do Grupo Popular “marca a senda pola vía das axudas para reparar os danos causados pola xeada”, citando expresamente a próxima publicación dunha orde de reestruturación de viñedos, cunha dotación de 1,4 millóns de euros, na que se favorecerá a replantación nos viñedos afectados polas xeadas.
PUNTOS XA REALIZADOS
Na súa intervención, o portavoz popular salientou que “a Xunta xa amosou a súa dilixencia na posta en marcha de medidas de apoio aos viticultores afectados polas xeadas, e mostra disto é que algúns dos puntos aprobados hoxe xa se realizaron nas últimas semanas”.
En concreto, apuntou que a Xunta xa habilitou mecanismos para que técnicos especializados asesoren convenientemente aos viticultores nas labores de repoda e recuperación dos viñedos; o establecemento dunha liña de créditos a custe cero para dotar de liquidez aos viticultores afectados; ou o impulso da contratación de seguros contra xeadas e outros riscos excepcionais que afecten ás explotacións agrícolas.
Neste ámbito, o portavoz popular lembrou que a propia conselleira do Medio Rural xa solicitou ante o Ministerio que se concedan rebaixas fiscais para os viticultores afectados polas xeadas.
A proposición non de lei aprobada hoxe tamén inclúe que a Xunta realice todas as actuacións precisas para a consideración das xeadas da última semana de abril de 2017 como fenómeno climático adverso na terminoloxía das directrices europeas aplicables, como paso previo á posible concesión de axudas aos produtores afectados e destinadas á reparación dos danos causados.
Así mesmo, solicítase que a Seguridade Social tome en consideración os danos causados polas xeadas a efectos de establecer bonificacións ou moratorias sen intereses nos pagos a este organismo que deban de facer os viticultores afectados nos anos 2017 e 2018.
MEDIDAS DE CARA AO FUTURO
José González salientou que “tamén incorporamos medidas de cara ao futuro, como que nas axudas para a mellora das explotacións agrícolas se prime especialmente a implantación de sistemas anti xeadas ou que nas axudas para plantación de novos viñedos se conceda prioridade ás plantacións que se realicen naquelas zonas que polas súas características de altitude, orientación e ventilación estean menos expostas ás xeadas”.
Por último, a proposición non de lei solicita que na concesión de dereitos de plantación se conceda prioridade a aquelas que se realicen naquelas zonas que polas súas características de altitude, orientación e ventilación estean menos expostas ás xeadas.