Santiago, 6 de xuño de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, acusou hoxe no Parlamento aos grupos da oposición de “intentar boicotear” a posta en marcha do novo plan de transporte público de Galicia, “deixando ao rural galego sen transporte público desde o vindeiro mes de agosto e provocando a perda de centos de postos de traballo”.
Martín Fernández explicou que a constitución dunha comisión especial de estudo, como pretendía facer En Marea, “esixe un período longo, polo que as achegas que se poderían facer non chegarían a tempo para a súa análise e toma en consideración na aprobación do plan de transporte público de Galicia”.
PRIMEIRA FASE, EN AGOSTO
Neste sentido, lembrou que a primeira fase do plan “ten que estar operativa o vindeiro mes de agosto e a Lei establece que o plan completo deberá aprobarse no verán de 2018”.
O portavoz popular salientou “o proceso de participación que vén desenvolvendo o Goberno galego, que continuará facéndose de xeito intenso”. En concreto, dixo que se teñen celebrado 14 reunións específicas cos concellos para a presentación da planificación; remitíronse enquisas valorativas a un total de 279 concellos, dos cales 169 responderon; se levaron a cabo reunións coas asociacións de transportes, con sindicatos, cos principais colectivos de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (ANPAS) de Galicia ou coa Fegamp; e tamén se consultou aos usuarios do servizo, con enquisas a pé de rúa, en cada unha das seis zonas obxecto de estudo para coñecer a oferta actual de servizos e a demanda real e necesidades.
“O Goberno galego xa está realizando un traballo exhaustivo, con rigor técnico e participado; e entendemos que as conclusións e achegas da comisión que vostedes propoñen non chegarían a tempo”, manifestou.