Santiago, 13 de xuño de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se establecen medidas para mellorar o marco normativo que regula o delito de ocupación de vivendas, o establecemento de xuízos rápidos para estes delitos e o realoxo dos ocupantes cando se trate en familias en risco de exclusión social. O Grupo Popular tamén solicitará que o Goberno central realice as xestións oportunas ante a Unión Europea para que Galicia, as comunidades do norte de España e a rexión norte de Portugal queden conectadas ao corredor atlántico ferroviario.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria incorpora 29 cuestións, das que 23 (80 por cento) foron introducidas polos grupos da oposición. En concreto, o Goberno galego solicitou a comparecencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para facer balance da actividade educativa ante o próximo peche do curso escolar.
Por parte do Grupo Popular defenderanse dúas proposicións non de lei. A primeira ten como obxectivo adoptar medidas contra esas persoas, bandas ou mafias que ocupan vivendas propiedade doutras persoas, xerando problemas aos propietarios que se ven inmersos en xuízos longos para recuperar as súas propiedades e problemas nos veciños da vivenda ocupada.
Deste xeito, a proposición non de lei do Grupo Popular pide a modificación da lexislación vixente para que os propietarios e as molestias que xeran as usurpacións de vivendas se resolvan máis rapidamente a través da mellora do marco normativo e, mentres non se produzan estas modificacións lexislativas, se asine un protocolo para que estes delitos sexan tratados en xuízos rápidos.
Pedro Puy apuntou que esta iniciativa tamén prevé “no caso de que esta situación afecte a familias que estean en condicións de acceder a unha vivenda social, que estas teñan un realoxo acorde con esa necesidade” a través dos distintos programas postos en marcha pola Xunta de Galicia.
CONECTAR EUROPA
A segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular ten que ver coa conexión de Galicia, as comunidades do norte de España e a rexión norte de Portugal co corredor ferroviario atlántico. O portavoz popular explicou que “unha das posibilidades de desenvolvemento do país pasa pola utilización conxunta da capacidade dos seus portos e a constitución de plataformas loxísticas que permitan esa utilización dos portos para o traslado de mercancías cara ao mercado español e europeo”.
Deste xeito, desde o Grupo Popular consideran necesario “aproveitar o feito de que a Unión Europea estea revisando o mecanismo Conectar Europa, que abre a posibilidade de propoñer modificacións na configuración da rede básica europea de corredores para que Galicia se incorpore e poidamos converter á Comunidade galega nun entorno que permita o tráfico de mercancías e se xere riqueza”.
No apartado de preguntas, o Grupo Popular pedirá ao Goberno galego unha avaliación da viaxe que o presidente da Xunta está a facer a China; así como que concrete que novo equipamento tecnolóxico para diagnóstico e procedementos terapéuticos se ten instalado nos centros hospitalarios do SERGAS a través do socio tecnolóxico; e, por último, sobre os proxectos que o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) ten realizado nos últimos anos.
DECISIÓN DA AUTORIDADE MONETARIA EUROPEA
Cuestionado sobre a compra do Banco Popular polo Banco Santander, Pedro Puy reiterou que “é difícil que o Goberno galego poida actuar nunha decisión que se toma pola autoridade monetaria europea, coa participación de autoridades independentes como o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores”. Ademais, indicou que o ámbito competencial deste asunto “é o Congreso dos Deputados, onde mesmo compareceu o ministro para explicar a situación e dixo que o Goberno de España neste tipo de procesos tampouco intervén”.
Porén, engadiu que “iso non quere dicir que o Goberno se desentenda dos problemas que podan afectar aos galegos, nomeadamente aos que tiñan accións e aos empregados desta entidade financeira”. Neste sentido, asegurou que, “dentro do seu marco de competencias, o Goberno galego vai facer todo o posible para preservar o máximo número de postos de traballo en Galicia e un maior número de oficinas financeiras e servizos para os cidadáns”.
“Todo o que sexa coñecer cal foi este proceso de resolución é interesante, porque hai preguntas que están no aire en relación coa actuación dos organismos supervisores, que chama a atención en relación co que acaba de acontecer con outra entidade financeira como Liberbank”, apuntou.