Santiago, 3 de xullo de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe de “erro” que o Goberno central rexeite a transferencia da AP-9 á Comunidade galega e anunciou que “agardaremos á decisión que adopte a Mesa do Congreso para estudar cos servizos xurídicos do Parlamento de Galicia a marxe que temos de actuación”.
Pedro Puy insistiu en que “desde o PPdeG defendemos a transferencia da AP-9 a Galicia”, polo que amosou a disposición de “convencer ao conxunto do Goberno” para levar adiante esta iniciativa.
APURAR AO MÁXIMO
“A predisposición do PPdeG é a de apurar ao máximo as posibilidades para conseguir que esa proposición de lei entre ao debate no Congreso e permitir que finalmente se produza a transferencia da AP-9 a Galicia”, apuntou.
Neste sentido, dixo que o Goberno central “se equivoca ao non facilitar unha negociación sobre esta transferencia, que incluiría unha análise dos custos dese traspaso dentro da legalidade”.
CRECEMENTO ECONÓMICO E GASTO SOCIAL
Por outra banda, o portavoz popular avanzou a previsión de que no Pleno da vindeira semana se debata o proxecto de Lei de actuacións de apoio ao crecemento económico e reforzo do gasto social, que permitirá levar adiante este ano accións en diversos eidos por un importe próximo aos 230 millóns de euros.
Puy explicou que este incremento do orzamento da Xunta é “resultado da boa marcha da economía, xunto cun incremento da recadación tributaria vinculada ao mercado de traballo e ao consumo”.
En concreto, lembrou que este proxecto de lei incorpora a suba salarial do 1 por cento aos 100.000 traballadores da Administración galega, así como outros incrementos de gasto en materia sanitaria, educativa, social, laboral e da mocidade.