Santiago, 4 de xullo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e En Marea, e coa única abstención do BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta á incrementar progresivamente os recursos persoais e materiais do Banco de Terras. En concreto, demándase o deseño de plans estratéxicos para impulsar de novo esta ferramenta, con partidas orzamentarias específicas.
O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González, subliñou que o rural galego “ten un problema estrutural que é a falta de base territorial das nosas explotacións”. “A falta de mobilización da terra produtiva determina que a posibilidade de crecemento do noso campo se vexa moi limitada”, apuntou.
ELEVADO NÚMERO DE PARCELAS
Así mesmo, José González sinalou como “outra das deficiencias do noso rural o elevado número de parcelas existente”, salientando que “en Galicia hai máis propiedades que habitantes: só no medio rural, 2,8 millóns de hectáreas acollen 11,1 millóns de parcelas”.
“O programa electoral do PPdeG incorpora propostas para acadar un rural multifuncional, vivo e dinámico, respectuoso có medio ambiente e coa paisaxe, e onde se desenrole unha produción agrogandeira de calidade”, indicou o portavoz popular. Deste xeito, co obxectivo de conseguir o obxectivo de facer do medio rural un lugar axeitado para vivir e con incremento económico, González dixo que “temos que loitar contra as deficiencias estruturais coma as que afectan a escasa base territorial das nosas explotacións”.
TERRA DISPOÑIBLE E LOITA CONTRA O LUME
O portavoz popular manifestou que a mobilización de terras improdutivas “vai permitir incrementar a terra dispoñible para as explotacións agrícolas e así mellorar a súa estrutura territorial, ao tempo que, reducindo a superficie de terras abandonadas ou en situación de infracultivo, incrementarase a eficiencia da loita contra o lume”.
“Ese esforzo pola mobilidade de terras é un labor transversal e estratéxico, que debe atinxir non só ás forzas políticas, senón ao conxunto da sociedade galega”, asegurou José González, quen engadiu que nese esforzo “está claro que o Banco de Terras de Galicia pode e debe xogar un rol esencial, pero sen esquecer non pode ser o único axente implicado”.
Para rematar, salientou que o Banco de Terras “tense que revelar coma un instrumento esencial para converter o noso rural nunha oportunidade de futuro para todos aqueles que queiran facer da actividade agrogandeira un modo de vida rendible”.