Santiago, 6 de xullo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e En Marea, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que proceda á inscrición da declaración como ben de interese cultural das Torres de Meirás no Rexistro da Propiedade unha vez finalizado o proceso técnico oportuno.
A deputada popular Teresa Egerique explicou que a Xunta de Galicia está a desenvolver o trámite ordinario para a inscrición das Torres de Meirás como BIC no Rexistro da Propiedade, “un procedemento que se está a levar adiante con outros 60 bens de interese cultural que se atopan na mesma situación”.
“Sería unha irresponsabilidade, como pedía En Marea na súa proposta inicial, pedirlle á Xunta a inscrición inmediata das Torres de Meirás sen ter os trámites administrativos completos”, manifestou Egerique.
Así mesmo, lembrou que o artigo 23 da Lei de Patrimonio, sobre o rexistro de bens de interese cultural, “fíxose para protexer e potenciar o patrimonio de Galicia e desde o PPdeG velaremos para que se cumpra no caso das Torres de Meirás”.