Santiago, 27 de xullo de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, e o deputado e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentaron esta mañá a proposición de Lei de Fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. “Queremos que os empresarios vexan unha Administración galega moderna e que da respostas para que ningún proxecto se quede no caixón por dificultades na súa tramitación, porque Galicia ten capacidade para atraer novos investimentos e competir cos países low cost”, manifestou Conde.
Pedro Puy sinalou que con esta proposición de lei “queremos avanzar cara unha Galicia máis forte; máis competitiva; que xere máis confianza aos investidores; e que estea mellor preparada para atraer novos investimentos e xerar emprego de calidade”.
COMPORTAMENTO EXEMPLAR
Na súa intervención, lembrou que na actualidade “Galicia vive un momento de crecemento económico e estase a comportar dun xeito exemplar a nivel nacional” con datos como o crecemento do PIB, a creación de postos de traballo, batendo marcas nas exportacións e manténdose cun niveis de endebedamento e déficit por baixo da media nacional.
“Porén, atopámonos nunha situación na que a competencia existente dentro de España e da Unión Europea, pero tamén en países como Marrocos, India ou Irán, están a complicar a chegada ou expansión de empresas á Comunidade galega”, polo que “desde o Goberno galego e o Grupo Popular tomamos a decisión de proceder á tramitación desta proposición de lei con medidas de impulso ao sector industrial galego”.
Pola súa banda, Francisco Conde destacou que esta proposición de Lei busca favorecer o emprego e a actividade industrial a través da captación de novos investimentos empresariais para Galicia. Neste sentido, indicou que “o obxectivo é reducir os prazos de tramitación dos proxectos para axilizar a súa implantación, unha simplificación administrativa que virá acompañada de medidas que darán facilidades á hora de acceder a solo industrial, así como o desenvolvemento de incentivos que contribúan á chegada de novas empresas á Comunidade”.
PROCEDEMENTO ÚNICO E INTEGRADO
Para lograr que Galicia sexa “máis competitiva” e conte cunha “administración facilitadora”, Conde sinalou que o novo texto establece a posta en marcha dun procedemento único e integrado que consiste na tramitación conxunta da autorización ambiental integrada, a avaliación de impacto ambiental e, no caso de que sexa preciso, o pertinente informe sectorial. Deste xeito, tramítase a iniciativa empresarial a través dun único proceso, en lugar de facelo a través de dous ou tres procedementos. Prevese que este cambio permita reducir á metade o prazo de tramitación de novos proxectos empresariais en Galicia.
En materia de acceso a solo empresarial, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria detallou que esta proposición de Lei inclúe medidas como a posibilidade de desenvolver a urbanización parcial de áreas industriais; a creación do Censo de solo empresarial de Galicia para coñecer ás necesidades reais existentes; e a incorporación dunha medida para facilitar o pago aprazado e sen xuros na compra de solo público, ao tempo que se recollen iniciativas que xa se están a realizar desde a Administración autonómica como as bonificacións na venda de solo público nos polígonos.
REDUCIR A FISCALIDADE
Conde tamén fixo especial referencia a que a nova proposición de lei busca reducir a fiscalidade empresarial a través de dúas medidas: incentivos ás propias empresas para asumir tributos autonómicos, pero sempre baixo criterios de investimento e creación de emprego; e incentivos aos concellos a través da súa adhesión ao convenio proposto pola Xunta á Fegamp.
Así, para adherirse como Concellos Doing Business, as administracións locais ofrecerán bonificacións de ata o 95% nos seus impostos, así como a eliminación de taxas vinculadas coa industria, mentres que a Xunta establecerá nos seus orzamentos medidas específicas que inclúan axudas para o desenvolvemento empresarial nestes concellos.
A proposición de Lei responde, por último, ás necesidades de sectores estratéxicos do tecido produtivo galego mediante a modificación de máis dunha decena de leis. Por exemplo, facilitará a tramitación administrativa de proxectos eólicos e de cortas no eido forestal. Neste último caso, crearase unha xanela única, coordinada pola Consellería do Medio Rural, para tramitar as autorizacións. Ademais, con carácter xeral eliminarase a autorización actual para ser substituída por unha comunicación previa, o que reducirá o prazo de tramitación.
A maiores, a proposta flexibiliza os requisitos para a creación de cooperativas en Galicia, rebaixando de tres a dous o número mínimo de socios para a súa constitución.