Santiago, 4 de setembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, fixou esta mañá como “prioridades políticas” para este período de sesións no Parlamento galego a estabilidade institucional, a recuperación da economía e o emprego, e a mellora do Estado de Benestar.
Pedro Puy salientou que este período de sesións vai ser de “intenso traballo parlamentario, porque coinciden a previsible petición polo Goberno galego da celebración do Debate sobre o Estado da Autonomía e os debates do orzamento para 2018”.
GALICIA XÓGASE MOITO
A xuízo do portavoz do Grupo Popular, unha das principais prioridades nas vindeiras semanas será a estabilidade institucional. “A Galicia debe preocuparlle moito o que está a suceder en relación co intento de actuar á marxe da lei por parte da Generalitat catalana”, sinalou.
Neste sentido, afirmou que “Galicia xógase moito” neste debate e lamentou que “asistimos con pasmo a que grupos galegos que din defender a Galicia apoien un proceso á marxe da lei que afectaría a moitos galegos”. “Nós mantemos a nosa posición de defensa da Constitución e da estabilidade institucional”, concretou.
Outra das prioridades para o Grupo Popular é a recuperación económica e do emprego. Así, Puy referiuse os datos de emprego coñecidos hoxe e salientou que “en Galicia seguimos a crear emprego: a taxa interanual descende no 6,7 por cento e xa estamos en niveis de paro inferiores aos de hai 8 anos”. Ademais, apuntou que as afiliacións á Seguridade Social “seguen coa súa tendencia de crecemento en taxa interanual, con case 20.000 máis que o pasado ano”. “En definitiva, os datos nos fan perseverar no traballo para crear as condicións para que o mercado cree emprego”, dixo.
Unha terceira prioridade será a mellora do Estado de Benestar e os servizos públicos, “aproveitando que hai máis medios e recursos económicos para facelo”.
REUNIÓN COS MINISTROS DE FACENDA E ECONOMÍA
Pedro Puy valorou “positivamente” as reunións que o Presidente da Xunta manterá hoxe en Madrid cos ministros de Facenda e de Economía, “nun contexto no que xa temos aprobado un teito de gasto que incrementa o orzamentos inicial do 2017 e o gasto previsto para o conxunto da Administración autonómica neste exercicio”.
O portavoz popular tamén lembrou que “hoxe hai un ano que o PPdeG presentou o seu programa electoral para as últimas eleccións autonómicas” e subliñou o “compromiso co cumprimento e execución deste programa”. En concreto, sinalou que nestes primeiros meses de lexislatura o Grupo Popular presentou un total de 27 iniciativas relacionadas coas propostas electorais, entre elas a chegada da alta velocidade a Lugo ou o reforzo da liña Coruña-Ferrol; a ampliación da autovía da Costa da Morte; a extensión do plurilingüismo na educación infantil e FP; a elaboración dun novo Plan Forestal; o desenvolvemento da Lei de mellora da estrutura agraria; a extensión das casas-niño no rural; ou a creación de cemiterios para confesións minoritarias.
NON IMOS FACER DE PALMEIROS DOS INDEPENDENTISTAS
Cuestionado sobre a proposta do BNG de elaborar unha ponencia para cambiar o status político de Galicia, Pedro Puy sinalou que os nacionalistas “están a xogar a favorecer ao independentismo e apoiar aos independentistas cataláns” e afirmou que desde o PP “non imos xogar a nada que favoreza a inestabilidade institucional e o apoio á Constitución Española”.
“Non imos facer de palmeiros dos independentistas cataláns, que están a arriscar un momento no que España está a medrar e crear emprego, pero falta moito para consolidar esta boa situación económica”, manifestou.
O portavoz popular lembrou que “a historia da autonomía en Galicia é unha historia de éxito, do mesmo xeito que o é para o conxunto de España”. Deste xeito, salientou que España foi o quinto país do mundo que máis medrou nos últimos 40 anos, “un dato suficientemente significativo do éxito que supón o Estado das autonomías e o Estado constitucional”.
Porén, Puy apuntou que “o Estado autonómico é perfectible, sobre todo no relativo á coordinación e á cooperación entre as comunidades autónomas, reforzando os elementos federais do sistema autonómico”.