Santiago, 12 de setembro de 2017.- O viceportavoz do grupo popular, Miguel Tellado, reprochoulle hoxe á oposición a súa “hipocrisía” por votar en contra da toma en consideración da proposición de Lei de Implantación Empresarial, dado que entende que dá resposta a moitas das demandas que levan facendo o resto de grupos de En Marea, PSOE e BNG durante os últimos meses. Así, considera que a esquerda deixa claro que “cando fala de reindustrialización e emprego de calidade está falando por falar”
Neste sentido, Tellado lembrou que esta proposición contempla “medidas para competir con territorios do noso entorno próximo como o Norte de Portugal, para a reindustrialización do país e a creación de emprego de calidade en sectores con alto valor engadido”, polo que cualificouna como “un dos proxectos lexislativos máis ambiciosos dos últimos anos”.
PRINCIPIOS FUNDAMENTAIS
Na súa intervención, o viceportavoz popular explicou que os tres principios fundamentais polos que aposta este texto son “simplificar os procedementos administrativos, liberalizar sectores económicos e potenciar a atracción de empresas mediante diversos incentivos”.
Sobre as medidas concretas que suporía a aprobación desta Lei, Tellado destacou que “se estima que se reducirán á metade os prazos de tramitación administrativa para a posta en marcha dun proxecto industrial, dado que se integra nun só procedemento a autorización ambiental integrada, a declaración de impacto ambiental e, se fose necesario, o informe sectorial pertinente”.
Do mesmo xeito, apuntou que “se consolidan e se aumentan as condicións vantaxosas para a obtención de solo industrial e contémplanse incentivos directos ás empresas que elixan Galicia para investir”. Tellado manifestou que a Comunidade galega “non pretende competir con territorios do noso entorno pola vía de baixar os salarios ou reducir dereitos laborais”. Por isto, “o que propón o grupo popular é utilizar os instrumentos que contempla o noso autogoberno para mellorar cuestións como as restricións normativas, o tempo para o inicio dunha actividade, ou o número de procedementos para poñer en marcha unha empresa”, concretou.