Santiago, 12 de setembro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo demandou hoxe aos socialistas “rigor e seriedade cando se fala de sanidade” e criticou que “cuestionen o labor dos inspectores médicos e os criterios nos que se basean para realizar as súas funcións de control do intrusismo sanitario”.
Encarna Amigo manifestou que “a concienciación e a educación da cidadanía para a prevención do intrusismo profesional sanitario, así como a desmitificación de supostas técnicas e terapias alternativas, están presentes de forma permanente na folla de ruta do goberno da Xunta de Galicia”, aínda que subliñou que “denunciar o intrusismo sanitario é responsabilidade de todos e cada un de nós, xa que pon en risco a nosa saúde”.
COLABORACIÓN DA CONSELLERÍA
“O exercicio de calquera das profesións sanitarias á marxe da lei constitúe un atentado contra a saúde e a integridade das persoas”, sinalou a deputada popular. Neste sentido, explicou que o corpo de inspección médica realiza a labor de control e supervisión nos centros sanitarios autorizados, ben de oficio ou a instancia de parte, fundamentalmente de colexios profesionais ou particulares.
A deputada popular apuntou que “a Consellería de Sanidade colabora de forma constante cos colexios profesionais, xa que eles asumen a función de defender os intereses lexítimos das profesións sanitarias”.
Porén, dixo que “a mellor medida que se pode adoptar para evitar o intrusismo é informar á poboación de quen está autorizado para poder realizar unha actividade sanitaria”.