Santiago, 14 de setembro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe, por iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a continuar apoiando financeiramente a senda establecida de afianzar a colaboración cos concellos na prestación dos servizos de comedor escolar.
O portavoz de Educación, César Fernández Gil, explicou que no presente curso 2017-18 cerca de 75.000 alumnos farán uso do comedor escolar, o que supón un incremento superior aos 2.000 estudantes respecto ao pasado curso.
434 COMEDORES XESTIONADOS POLA XUNTA
En total, a Consellería xestiona 434 comedores, dos que 302 faino de forma directa e outros 132 de xeito indirecto. Así mesmo, 134 comedores escolares son responsabilidade das Anpas e os concellos xestionan outros 42 comedores.
César Fernández salientou que “máis do 85 por cento dos usuarios dos comedores escolares xestionados directamente pola Consellería utilizan este servizo totalmente de balde ou pagando tan só un euro”, apuntando que só un 9 por cento abonan a contía máxima de 4,5 euros por día.
“Estas cifras confirman que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asequibles para as familias de todo o Estado español”, subliñou.
Ademais, o portavoz de Educación sinalou que a Xunta destinou o pasado ano cerca de 30 millóns de euros aos comedores de xestión propia, así como ao cofinanciamento dos comedores xestionados polos concellos e as Anpas. “Esta cifra supón duplicar o orzamento de 14,6 millóns que se destinaba en 2007 a este mesmo fin”, indicou.