Santiago, 15 de setembro de 2017.- A deputada popular Raquel Arias salientou hoxe na Comisión de Agricultura do Parlamento que, na loita contra a praga da vespa velutina, a Xunta sempre ten presente a opinión dos investigadores, máxime tras constatarse que esta especie invasora cambia o seu ciclo biolóxico en función das variacións climáticas.
Arias destacou a disposición da Xunta a “promover a colaboración” entre todos os implicados (administracións, apicultores, asociacións profesionais e comunidade científica) para “coordinar actuacións” que permitan controlar esta especie invasora, especialmente belixerante coa produción apícola pero tamén prexudicial para outros sectores, como o da froita.
LIÑAS DE ACTUACIÓN
Proba disto, segundo dixo, é a incorporación á Comisión de seguimento do Plan de control da velutina do grupo de investigación creado pola Xunta e dos representantes das asociacións de apicultores de Galicia.
O plan de control desta praga, en marcha dende 2014, aséntase sobre catro liñas básicas: o reparto de trampas para a capturada de raíñas; a retirada de niños; campañas de formación e divulgación; e a promoción da investigación para mellorar o coñecemento sobre o seu ciclo biolóxico e o seu comportamento.
Así, segundo explicou a deputada popular, lévanse retirado ou inutilizado preto de 10.600 niños en toda Galicia en 2016 e nos seis primeiros meses deste ano, ao tempo que se teñen instalado 10.800 trampas dende 2015, especialmente durante a primavera por considerarse más eficaz, seguindo así as indicacións establecidas na Estratexia de Xestión, control e posible erradicación da velutina en España, elaborado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.
No que respecta á investigación, indicou que, precisamente na próxima reunión da Comisión de seguimento prevista para outono, darase conta, ademais da evolución da afectación desta praga, dos resultados preliminares da investigación efectuada ata o momento. Este traballo estano desenvolvendo varios grupos de traballo das universidades de Vigo e de Santiago, centrándose no estudo das propias características deste insecto, así como no deseño de atraentes que permitan o desenvolvemento de métodos de captura selectivos ou de loita contra a súa expansión.
DIVULGACIÓN E FORMACIÓN
Arias tamén puxo en valor a campaña de divulgación e formación, “nas que hai que recoñecer o importante papel que xogan os técnicos da Xunta”. De feito, dende 2014 repartíronse 60.000 folletos, 1.700 carteis informativos e fixéronse campañas informativos nos medios de comunicación e dende 2016 organizáronse 29 das xornadas e cursos aos que asistiron máis de 1.100 persoas.
No que atinxe á formación redundou en que na Orde do 17 de marzo de 2017, pola que se establece o réxime de axudas á apicultura, inclúese una liña destinada integramente á asistencia técnica a apicultores e organizacións de apicultores, que permite a contratación de técnicos e especialistas en apicultura para a información e asistencia técnica na loita contra agresores da colmea (entre eles a Vespa velutina) e a organización e celebración de cursos e xornadas de formación de apicultores, e sistemas de divulgación técnica, a través de folletos, catálogos e outras publicacións, así como soportes audiovisuais e informáticos. Esto supuxo que a través desta liña se subvencionaran técnicos para todas as asociacións apícolas.
A deputada popular tamén destacou o material aportado polos diferentes departamentos do Goberno galego e que permitiu repartir 445 equipos de protección individual e 114 pértegas.
Segundo dixo, a loita contra esta praga será “dura e difícil” pero, na súa opinión, a Xunta “acerta” coas medidas que está a adoptar.