Santiago, 18 de setembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que o Pleno da vindeira semana acollerá o debate para a aprobación do proxecto de Lei de protección e benestar dos animais de compañía. Puy salientou que “chega á sesión co 80 por cento do articulado pactado entre todos os grupos parlamentarios” e indicou que “servirá para que a protección dos animais en Galicia sexa unha referencia para o resto de España”.
Pedro Puy manifestou que o novo texto lexislativo “garante, mellora e protexe o benestar dos animais, tanto domésticos como os salvaxes mantidos en catividade e as coleccións zoolóxicas” e afonda na “loita contra o abandono e o maltrato animal, en fomentar a adopción de animais abandonados e en concienciar á cidadanía sobre a tenza responsable de animais”.
SEGUIR PEDINDO TRASPASO AP-9
Cuestionado sobre a negativa da Mesa do Congreso a tramitar a proposición de lei para o traspaso da AP-9 á Xunta e a posible semellanza co proceso catalán, Puy indicou que “imos seguir mantendo a petición desta transferencia e faremos o mesmo que propoñemos para Cataluña: calquera decisión que se adopte será respectando a legalidade constitucional”. “O PP non ten previsto asaltar e apropiarse da autopista polas bravas, senón que seguirá polas canles que a propia Constitución establece para materializar ese traspaso”, dixo.
O portavoz popular afirmou que “as discrepancias sobre a interpretación das normas nun Estado federal son habituais e se resolven pola vía xurídica e as canles que a Constitución establece, e o feito de que haxa esta diferencia de interpretación non exclúe que nós continuemos a reivindicar a importancia que ten para Galicia o traspaso desta autopista”
SEN RECURSO ANTE O TRIBUNAL CONSTITUCIONAL
Respecto da proposta manifestada por algún grupo parlamentario de presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional, Puy explicou que “os grupos parlamentarios autonómicos e mesmo o Parlamento non están lexitimados pola Lei do Tribunal Constitucional para acudir en amparo a este Tribunal”.
Así mesmo, salientou que o Presidente da Xunta “xa conseguiu o primeiro movemento importante que houbo en relación coa participación de Galicia na xestión da AP-9: o acordo para que a Xunta participe nunha Comisión de Coordinación en relación coa xestión desta infraestrutura e que, unha vez que se recoñece por parte do Goberno central que a autopista é de titularidade estatal, o Estado asuma o custo destas peaxes”, o que suporá un aforro anual de sete millóns de euros para a Comunidade galega.
Á pregunta sobre a incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público, Pedro Puy considerou “correcta” a vía pola que optou o Concello de Santiago para recuperar dúas pezas do Mestre Mateo: facer unha boa documentación dos expedientes en relación coa propiedade e a tenza destas figuras para poder adoptar as medidas oportunas.
INFORME DE EXPERTOS
“A solución que nós propuxemos no Pleno, e que rexeitaron tanto En Marea como o BNG, era moi semellante: xuntemos a un conxunto de expertos xurídicos e historiadores que poidan documentar como foi a transmisión da propiedade á familia Franco e a partir de aí ver que mecanismos de actuación legal hai” para a incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público galego, asegurou o portavoz popular.
Neste sentido, concretou que “nós estamos pola recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público e galego de acordo coa legalidade e serán outros os que terán que explicar por que a solución razoable que se está a aplicar en Santiago é desbotada no Parlamento galego”.