Santiago, 22 de setembro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, avanzou esta mañá que Alberto Núñez Feijóo e Xerardo Fernández Albor participarán no X Congreso autonómico de Novas Xeracións de Galicia no que tamén se celebrará o aniversario da vitoria nas pasadas eleccións autonómicas de 2016.
Así mesmo, Tellado apuntou que o conclave será unha gran festa dos populares, na que se demostrará que o partido non só ten “moito pasado e moito presente, senón tamén moito futuro”.
Cómpre sinalar que a presenza de Albor, presidente de honra de NN.XX., logo de levar moito tempo sen participar en actos de partido, representa a unión de varias xeracións de políticos en torno á organización xuvenil. Desta forma amósase a importancia que o PPdeG lle dá aos máis novos para acadar os seus obxectivos electorais, xa que a única maioría absoluta de España non tería lugar sen a xuventude do país, malia que os partidos de esquerdas se esforcen en dicir todo o contrario.
Trala visita aos preparativos do conclave acompañado polo membros do Comité Organizador, Tellado sinalou que este X Congreso autonómico será unha oportunidade para a organización xuvenil, xa que lles permite “facer un novo equipo que chegue con ilusión”.
“Somos o primeiro partido de Galicia e queremos representar á maioría social”, dixo o secretario xeral antes de asegurar que para isto é necesario tamén ter un proxecto amplo e chegar á mocidade.
Logo de explicar que se será un congreso moi tecnolóxico, cunha grande pantalla coa que estar conectados coas redes sociais, Tellado recoñeceu que “non só se trata de reunir aquí a Novas Xeracións de Galicia senón de proxectar Novas Xeracións cara a sociedade e estar na rúa, que é a clave de éxito do Partido Popular de Galicia”.
Así mesmo, puntualizou que, ademais, haberá espazo para homenaxear o gran traballo realizado por Diego Gago nun tempo no que non era fácil ser un mozo e poñer a cara para representar ao Partido Popular.
ANIVERSARIO DA TERCEIRA MAIORÍA ABSOLUTA
Ademais, Tellado lembrou que esta fin de semana cumprirase un ano da terceira maioría absoluta, unha data moi especial na que se conseguiu un fito histórico. Segundo sinalou, o pasado 25 de setembro “os galegos dixeron alto e claro en Galicia si, en Galicia debe haber estabilidade e en Galicia debe haber un goberno non suxeito ás ditaduras de grupos minoritarios como sucede en Cataluña”.
Nese sentido, o número dous dos populares galegos avanzou que o acto servirá tamén para facer balance do primeiro ano de Lexislatura. De feito, ademais dos compromisarios e asistentes ao Congreso, na clausura do sábado tamén se reunirá a Xunta Directiva do PPdeG.