Santiago, 23 de setembro de 2017.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que Novas Xeracións de Galicia debe ser “un referente para as mozas e mozos que non calan ante o pensamento único”, facendo referencia ao populismo e ao separatismo que pretende dividir a sociedade.
Durante a clausura do X Congreso autonómico de NN.XX., o líder dos populares galegos sinalou que “é o momento de recuperar o prestixio da política” polo que resulta “ilusionante” saber que en Galicia hai rapaces dispostos a dar un paso adiante. “Vós sodes mozas e mozos que estades fartos de calar. Vós sodes as mozas e mozos que moitos pretenden ocultar”, aseverou Feijóo antes de poñer en valor a intelixencia que amosou o novo presidente da organización xuvenil, Adrián Pardo, para liderar Novas Xeracións.
“Galicia non se pode permitir ter unha mocidade que pase da política. Galicia necesita unha mocidade que crea nela”, remarcou o presidente precisando que a política, ademais de retocar o mundo de hoxe, vai perfilar o mundo de mañá.
PROMESAS CUMPRIDAS
Durante a súa intervención, Feijóo tamén lembrou que este luns fará un ano que os galegos dixeron o país que querían. “Fronte aos do non facer, aos do non crecer, aos do non a todo, aquí dixemos que en Galicia si”, engadiu.
Tal e como expresou, o día 25 de setembro de 2016 os galegos escolleron e confiaron no Partido Popular para preparar a Galicia que virá. Nese senso, reiterou que os populares cumpriron as súas promesas. De feito, recordou que, malia que hai xente que di que “a Educación é cara, é máis cara a ignorancia”; que aínda que hai quen di que non se pode pagar a Sanidade, hoxe en Galicia estanse ampliando os hospitais; e que pese a que se aseguraba que non se podía baixar o Imposto de Sucesións na nosa Comunidade, na actualidade suprimiuse.
Por outra banda, o dirixente popular tamén manifestou que votar non o é todo en democracia xa que “tamén hai ditaduras nas que se vota”. Así mesmo, criticou a aqueles políticos que usan maiorías coxunturais para tomar decisións no seu beneficio persoal afirmando que “non merecen a pena”. Do mesmo xeito, apuntou que unha mostra desta situación e da mala sorte que lles tocou vivir aos cidadáns cataláns cos seus políticos, é que pasaron de ter a Roca para ter a Rufián.
“Un pacto interxeracional facilitou un Goberno que traballa pensando no futuro de Galicia”, dixo Feijóo namentres admitía que, para que isto siga sendo así e durante moito tempo máis, “pídovos que sigades facendo política”.