Lobios (Ourense), 1 de Outubro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participou este domingo no concello ourensán de Lobios na reunión da Comisión de Turismo do partido e nunha andaina posterior. Entre outros, estivo acompañado pola coordinadora de Turismo e Comercio e alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; e pola directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro.
En declaracións aos medios, o número dous dos populares galegos dixo que este acto é unha homenaxe a un sector que xa supón un 11% do noso PIB, o 12% do emprego, e que este ano camiña cara a outro récord histórico con máis de 3,5 millóns de visitantes nos oito primeiros meses do ano. “Un sector que nos fixo resistir mellor a crise e que hoxe en día é outro dos puntais da nosa recuperación”, destacou.
Tellado explicou que o que se pode atopar en Lobios e na provincia de Ourense en xeral é un bo exemplo da estratexia que debe seguir Galicia en materia turística: apostar por modelos de alta calidade, que non dependan en exceso da estacionalidade e que sirvan para valorar o noso patrimonio natural.
“Galicia cre no turismo e os turistas cren en Galicia”, resumiu Tellado, para explicar que a nosa Comunidade “non ten problemas de turismofobia nin ningún problema co Turismo. O problema de Galicia son aqueles que din que nos sobra o Turismo, porque son os mesmos que din que non por sistema ao desenvolvemento económico e á industria”.
Para o secretario xeral, esta realidade “retrata moi ben o que é hoxe a concepción da actividade económica de hoxe en Galicia” e contrapuxo que desde o PPdeG se aposta polos nosos sectores clave, por melloralos e que crezan día a día e por aproveitar con respecto os nosos recursos e as nosas potencialidades. “E en frente temos aos do non a todo”, aos que lles reprochou que “a súa única idea económica é que non veñan turistas, que pechen as empresas que xa temos e que as que queren vir que finalmente non o fagan”.
“REFERENDO IMPOSIBLE” EN CATALUÑA
A preguntas dos medios, o secretario xeral referiuse ao “referendo imposible” de Cataluña criticando que “a 45 minutos de comezar a votación a Generalitat cambiou as normas e estableceu un censo universal que vulnera as normas mínimas de calquera proceso democrático”. Do mesmo xeito, cualificou o acontecido nas últimas semanas na Comunidade como “un desafío ao noso marco Constitucional e á nosa legalidade que é inadmisible nun Estado de Dereito”.
“Lamentamos que houbese persoas que desde as institucións que deberían ser democráticas conviden á cidadanía a vulnerar a propia democracia”, sinalou Tellado, para instar aos políticos cataláns a “que se miren no espello de Galicia, cuxo modelo é o cumprimento da Lei e da Constitución”.