Santiago, 9 de outubro de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a realizar, en colaboración co concello ourensán de Cartelle, as xestións oportunas coa veciñanza e as respectivas comunidades de montes para buscar solucións viables que dean resposta aos problemas de cobertura telefónica e internet existentes en varios núcleos de poboación deste municipio.
Así mesmo, o acordo demanda ao Goberno central para que se teñan en conta a existencia desta e doutras posibles zonas de sombra existentes na provincia de Ourense á hora de desenvolver os plans de extensión de redes de banda longa.
DO 36 AO 95% DE COBERTURA
O portavoz de Novas Tecnoloxías, Moisés Blanco, lembrou que “as competencias en materia de telecomunicacións en España corresponden ao Goberno central, quen, a través da lexislación estatal e de conformidade coa normativa europea, ten a capacidade de impoñer obrigas aos operadores de telecomunicacións”.
Neste sentido, salientou a mellora da cobertura de banda longa no caso concreto do concello de Cartelle, onde se pasou dun 36 por cento no ano 2009 a un 95 por cento en 2017.
Porén, Moisés Blanco lamentou “a negativa da Xunta da Comunidade de Montes para autorizar a instalación en Montevelle dunha torre de telefonía móbil, o que motivou que a compañía telefónica desistira da súa construción, así como do investimento que o operador xa tiña orzamentado para atender as necesidades de cobertura ás poboacións con necesidades”.
DESPREGAMENTO EN GALICIA
O portavoz popular destacou “o traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia para impulsar o despregamento de redes de acceso a banda longa co fin de tratar de dotar á poboación e empresas galegas de servizos de calidade, tendo en conta que a Comunidade galega conta con máis de 30.000 núcleos de poboación, dos que máis do 90 por cento teñen menos de 100 habitantes”.
Blanco lembrou, ademais, os acordos xa acadados no Parlamento galego que instan ao Goberno de España a colaborar coa Xunta para favorecer o despregamento de redes de acceso de nova xeración de moi alta velocidade, así como obrigar aos operadores a completar conxuntamente unha cobertura que permita o acceso a unha velocidade de 30 megabits por segundo ao 90 por cento dos habitantes das poboacións de menos de 5.000 habitantes.