Santiago, 10 de outubro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta e aos concellos costeiros galegos a levar adiante campañas para a erradicación do furtivismo, que prexudica a economía dos profesionais do mar, a saúde pública pola falta de seguridade alimentaria e agrede aos recursos mariños con danos que poden chegar a ser irreparables.
O portavoz do Mar do Grupo Popular, Carlos López Crespo, concretou que o furtivismo “menoscaba a economía dos profesionais do mar xa que minora os seus ingresos pola redución dos recursos e a baixada de prezos por sobreoferta de produto”. “Ao mesmo tempo, dana a propia imaxe dos produtos, que ven como aqueles que foron obtidos e comercializados sen as debidas garantías suplantan a súa valía e aprovéitanse de moitos profesionais do mar e da cadea mar-industria”, engadiu.
Así mesmo, López Crespo manifestou que o furtivismo “prexudica a saúde pública, porque a ausencia de seguridade alimentaria pode provocar serios riscos de intoxicación”.
“Cómpre ser conscientes de todos os riscos que conleva esta actividade ilegal”, subliñou o portavoz popular, quen alertou de que “a cadea que fornece a actividade extractiva ilícita funciona gracias á demanda comercial dos seus produtos, polo que é tan importante desalentar a propia extracción como a súa compra e consumo”.