Santiago, 24 de outubro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a avanzar na formación da lingua galega para adultos, a través de medidas como a posta en funcionamento do CELGA 4 en liña; ademais de potenciar e facilitar a realización dos exames que acrediten a competencia lingüística en galego.
O portavoz de Educación, César Fernández Gil, manifestou que “cada vez é maior a porcentaxe de poboación que tivo acceso ao ensino regrado en galego, mellorando sensiblemente a súa competencia nas destrezas que teñen que ver coa lectura e escritura do galego, ao tempo que posúen validación de certificados CELGA”.
ATENDER A DEMANDA EXTERIOR
Porén, sinalou que “ata agora a maioría da formación estase a impartir de maneira presencial, tanto nos cursos que imparte a Secretaría Xeral de Política Lingüística como nos que imparten as escolas oficiais de idiomas, xa que unicamente o CELGA 1 se imparte na modalidade de teleformación”.
“Temos que ter presente que cada vez está máis estendida a actividade formativa en liña, e no caso do coñecemento de linguas hai moitas plataformas públicas e privadas que están levando a cabo a aprendizaxe de idiomas de maneira telemática”, indicou o portavoz popular.
Deste xeito, César Fernández afirmou que a Secretaría Xeral de Política Lingüística “non pode ser allea a esta modalidade de ensino en liña, porque temos a experiencia que nos da a impartición do CELGA 1 en liña e porque temos que afrontar o problema para chegar a determinadas áreas xeográficas da Comunidade galega e tamén ás demandas de formación que se están a formular desde fóra de Galicia”.