Santiago, 24 de outubro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado demandou hoxe no Parlamento que o Concello de Barbadás desenvolva a área de reparto e ceda á Xunta os terreos necesarios para a construción dun novo instituto de ensino secundario.
Gómez Salgado manifestou que “non vemos nin comprendemos a urxente necesidade que amosan os grupos da oposición para a construción deste novo instituto en Barbadás, porque cando gobernaron xa apuntaban que este proxecto non era necesario e non promoveron daquela a súa posta en marcha”.
PROBLEMA PRIMARIO
Porén, o deputado popular lembrou que a construción deste centro de ensino “ten un problema primario que os grupos da oposición coñecen: a cesión dos terreos por parte do Concello nunha área de reparto programada que está sen desenvolver”.
“Non é unha cuestión nova, porque é un tema que está pendente de resolverse desde hai máis de dez anos, e mentres non haxa un desbloqueo neste sentido é imposible poder facer un estudo de posibilidades, necesidades e comezar coa elaboración do proxecto”, sinalou Carlos Gómez.
Así mesmo, asegurou que “a Xunta en ningún momento está deixando de atender cada unha das necesidades de escolarización que existen en Barbadás, sempre utilizando o sentido común e facendo un reparto equitativo e lóxico dos fondos da administración”.