Santiago, 8 de novembro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco demandou hoxe aos grupos da oposición que “non manipulen e digan a verdade aos veciños de Touro e O Pino” sobre o proxecto de reapertura e explotación da mina de cobre de San Rafael, porque a Xunta “nunca autorizará un proxecto que atente contra a saúde, o medioambiente e a legalidade vixente en Galicia”.
Moisés Blanco criticou que a oposición “non queira falar en serio da minería en Galicia”, unha actividade que supón máis do 1 por cento do PIB galego.
Neste sentido, o deputado popular trasladou “un mensaxe de tranquilidade” sobre este proxecto porque o Goberno galego e o Partido Popular “non nos posicionamos nin a favor nin en contra”. “Que avance a tramitación administrativa conforme a Lei de minas aprobada na etapa do Goberno bipartito da Xunta, e o proxecto mineiro só se autorizará se cumpre estritamente a normativa vixente”, apuntou.
Blanco explicou que este proxecto mineiro está sometido a 14 informes e suxeito á declaración de impacto ambiental, ao tempo que estivo sometido a información público e neste momento estanse estudando as alegación que se presentaron.
“Respecten aos funcionarios e aos empregados públicos que están traballando de xeito independente na tramitación deste proxecto mineiro”, demandou o deputado popular, quen lamentou que En Marea pretenda que o Goberno galego prevarique impedindo a reapertura deste proxecto sen ter en conta os informes técnicos.