Santiago, 8 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto favorable do PSdeG e BNG, a través da que se insta á Xunta a aprobar, para a súa remisión á Cámara no primeiro semestre de 2018, un proxecto de lei en materia de rehabilitación dirixido á simplificación lexislativa, administrativa e de xestión, e que preste especial atención á recuperación dos núcleos rurais e urbanos con valor histórico ou patrimonial.
Así mesmo, e logo dunha transacción co Grupo Socialista e do BNG, incorporouse a necesidade de que na tramitación desta lei se conte coa colaboración, consulta e participación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), así como dos colexios profesionais e outras institucións e sectores relacionados con este ámbito.
CONTIDOS MÍNIMOS
O acordo incorpora tamén unha serie de contidos mínimos que deberán figurar no novo texto lexislativo, como a obrigatoriedade da implantación en todos os concellos dos informes de avaliación de edificios; facilitar a mellora da accesibilidade en edificacións plurifamiliares; fomentar a simplificación na tramitación; poñer en marcha medidas de intervención da Administración ante o abandono e inadecuado mantemento das edificacións incluídas en ámbitos de protección; ou impulsar a creación de catálogos de protección nos concellos.
O portavoz de Vivenda, Jaime Castiñeira, afirmou que o obxectivo deste novo texto lexislativo é “recuperar estes espazos cun valor histórico e patrimonial para que funcionen como centros de actividade económica, social e cultural”.
CULTURA DE REHABILITACIÓN
Neste sentido, manifestou que a nova lei “debe incidir no fomento da cultura da rehabilitación, é dicir, que o propietario dunha edificación e todos os cidadáns sintan a necesidade e valoren a rendibilidade de recuperar o xa construído”.
Jaime Castiñeira considerou “necesario buscar o equilibrio entre o nivel de protección e a habitabilidade para poder levar a cabo a rehabilitación de edificios”, polo que considerou “imprescindible reducir as barreiras que dificultan as actuacións, tanto a nivel lexislativo, como administrativo, de xestión, sociais, demográficas ou financeiras”.