Santiago, 9 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta, apoiando a proposta da Autoridade Portuaria de Vigo, a demandar do Goberno do Estado e da Unión Europea a axilización dos trámites necesarios para lograr estender ata Tánxer a actual autopista marítima que une Vigo coa cidade gala de Nantes.
A deputada popular Teresa Egerique explicou que a autopista do mar de Vigo “baséase nun tráfico fundamental para a cidade de Vigo e tamén para Galicia, como é o coñecido como Ro-Ro, iniciado pola fábrica de PSA-Peugeot Citroën para a distribución dos seus produtos por transporte marítimo”.
GRAN VANTAXE
“A autopista do Mar de Vigo supón unha gran vantaxe para o tecido económico e industrial desta comarca, xa que é unha opción loxística de distribución e transporte internacional para moitas empresas, unha opción de servizo regular, frecuente, fiable, economicamente competitivo, áxil e eficaz”, indicou.
Teresa Egerique manifestou que “o aumento de tráfico que esta ruta marítima está a experimentar, sobre todo agora que melloran as cousas a nivel económico, motivou que o servizo se quede cativo e sexa insuficiente”.
Deste xeito, sinalou que “hai que darlle un pulo desde todas as administracións”, polo que indicou que “desde o Parlamento instamos ao Goberno central e á Xunta a apoiar a extensión da autopista do mar de Vigo ata Tánxer”. “É certo que xa circula, pero precísase unha liña regular con Marrocos, unha aposta de investimento importante para sectores estratéxicos como o automobilístico, o téxtil e o agroalimentario, con gran retorno para a creación e o mantemento de postos de traballo en Galicia”, dixo.