Santiago, 9 de novembro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Marián García Míguez defendeu esta tarde no Parlamento o mantemento do funcionamento continuado da Oficina de Información Municipal Xuvenil (OMIX) de Vigo, ao tempo que demandou ao Concello que non desaproveite os recursos que oferta a Xunta de Galicia dirixidos á mocidade.
Marián García manifestou que no concello de Vigo “padecemos a situación de falta de recursos en moitas áreas, pero a situación é extrema no que respecta ao ámbito da xuventude”. En concreto, manifestou que “non hai apoio ao emprego; á formación; ao turismo; non se fomenta a cultura, a lectura ou as artes escénicas; non se promoven os hábitos de vida saudable; e non hai opcións de voluntariado”.
REBAIXA DO 17% DO ORZAMENTO PARA XUVENTUDE
Ademais, a deputada popular cualificou de “paupérrima” a situación da área de xuventude no Concello de Vigo, lamentando que o orzamento para a mocidade o vindeiro ano redúcese nun 17 por cento respecto ao presente 2017.
Pola súa banda, García Míguez explicou que a Xunta conta cunha rede de información xuvenil integrada por 12 Espazo Xove e 247 oficinas municipais de información xuvenil dependentes dos concellos. “A estes servizos, engádense catro servizos de xuventude e voluntariado, un dos cales está localizado en Vigo”, anotou.
Este servizo desenvolve o seu traballo nas áreas de información para mozos e mozas e voluntarios e voluntarias; executa as inspeccións de cursos, escolas de tempo libre e as oficinas de información xuvenil; tramita e xestiona os programas das materias da súa competencia; así como os procedementos de axudas e subvencións para a xuventude, as solicitudes e expedientes da campaña de verán, e a coordinación dos Espazo Xove.