Santiago, 9 de novembro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo criticou que “a cerrazón de En Marea privara de que se aprobara no Parlamento unha proposición non de lei demandando á Xunta a construción do novo centro de saúde en Gondomar e que asuma todas as necesidades sanitarias deste concello”.
Encarna Amigo considerou “ilóxico” que En Marea pida que o novo centro de saúde de Gondomar se constrúa de acordo ao plan funcional de 2008, “cando existe un novo plan funcional que recolle as novas necesidades médicas deste concello e que serviu de base para a construción deste centro de saúde”.
DISTRIBUCIÓN
En concreto, o novo centro de saúde disporá de 6 consultas de medicina de familia, 6 consultas de enfermería, unha de pediatría, unha de enfermería pediátrica, unha sala de toma de mostras, dúas salas polivalentes, unha sala de técnicas para cirurxía menor e unha consulta de matrona, ademais de sala de educación sanitaria, e despacho de coordinación e de asistente social.
A deputada popular lembrou que este novo centro de saúde suporá un investimento próximo aos 2,4 millóns de euros e, logo de que se solucionaran os problemas xurdidos coas obras, a súa construción retomarase de novo co obxectivo de rematala segundo os prazos previstos.