Santiago, 10 de novembro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega invitou hoxe no Parlamento aos grupos da oposición, “que tanto critican o eucalipto, a visitar a comarca de A Mariña para comprobar o traballo que aquí se fai con esta especie arbórea, de xeito ordenado, cun monte limpo e creando riqueza e postos de traballo”.
Daniel Vega criticou que “coa súa oposición frontal ao eucalipto o único que están provocando é a destrución do futuro dunha comarca como A Mariña”, polo que convidou a En Marea, PSOE e BNG a visitar esta comarca e “falar con claridade do que propoñen”.
CUMPRIR AS NORMAS E PARÁMETROS PARA PLANTAR
“Pídolles que veñan á miña comarca e coñezan empresas onde están transformando a madeira de eucalipto en diversos usos e deseños, con grandes posibilidades de futuro e creando postos de traballo”, sinalou.
O deputado popular explicou que “non se pode plantar eucalipto onde se queira, porque hai unhas normas e hai que cumprir uns parámetros”.
Vega manifestou que “sabemos perfectamente o que arde: eucaliptos e especies autóctonas”, polo que considerou que a oposición “minte cando di que unicamente arden eucaliptais ou cando afirma que o eucalipto ten un único destino”.