Santiago, 10 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a establecer un marco que regule os convenios e protocolos de colaboración intermunicipais de axuda mutua en materia de policía local, así como favorecer as posibles asociacións de concellos para o desempeño mancomunado do servizo de protección civil.
A deputada popular Julia Rodríguez Barreira afirmou que “as políticas de prestación conxunta de servizos municipais veñen dando un bo resultado en ámbitos diversos, impulsando servizos compartidos ao amparo de distintas ordes de axudas autonómicas, que teñen mellorado a eficiencia e permitido que os servizos cheguen a un maior número de veciños”.
SEGUIR AFONDANDO
“Estes beneficios que se teñen constatado da xestión compartida entre concellos veciños dan conta da conveniencia de seguir afondando nestas fórmulas, que permiten poñer a disposición dos cidadáns máis e mellores servizos públicos”, sinalou.
Rodríguez Barreira manifestou que “a racionalización e optimización dos servizos e dos recursos necesarios para prestalos, por medio de fórmulas de colaboración intermunicipal e servizos compartidos, permite evitar duplicidades pero sobre todo corrixir carencias”.
“Debemos afondar na promoción e estímulo destas fórmulas colaborativas, pero tamén na definición do seu marco de aplicación”, indicou a deputada popular, quen se centrou “de modo especial en ámbitos tan importantes e sensibles como son a seguridade dos cidadáns e a capacidade de dar resposta a través dos servizos de protección civil”.