Santiago, 17 de novembro de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que aprobe, antes de que finalice este ano, o regulamento que desenvolve a Lei 10/2014 de accesibilidade, e o código de accesibilidade que contemple todas as normas técnicas aplicables na materia.
A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo manifestou que “a accesibilidade é un dereito da persoa e como tal debemos tratalo para conseguir a equiparación de oportunidades e a plena participación na sociedade das persoas que teñen máis dificultades”.
LEI INTEGRADORA
Neste sentido, lembrou que na pasada lexislatura aprobouse a Lei 10/2014 de accesibilidade, “un texto que integra todas as leis e disposicións, tanto nacionais como internacionais, ao tempo que adapta a lei do ano 1997 á realidade actual”.
“Todos os que aquí estamos concordamos que a participación plena na sociedade das persoas con diversidade funcional e poder exercitar os seus dereitos en todos os ámbitos, está claramente influída polas dificultades de accesibilidade”, sinalou Rodríguez-Vispo, quen engadiu que no PPdeG “somos conscientes da necesidade de seguir traballando para que a accesibilidade sexa un principio na práctica cotiá, de maneira que todas as persoas poidan acceder de forma máis autónoma e natural posible a calquera contorno, servizo ou produto con independencia das súas capacidades”.