Santiago, 17 de novembro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, criticou hoxe que En Marea “pretenda retrasar a implantación do Plan de Transporte Público en Galicia solicitando a constitución dunha comisión de estudo, unha iniciativa que ademais xa se ten debatido neste Parlamento”.
“Seguen co obxectivo de que os galegos se queden sen transporte no rural”, lamentou Fernández Prado, quen lembrou que “o intentaron no pasado mes de agosto, pedindo que se retirase a primeira fase, e agora queren dilatar o proceso para que non se chegue a tempo co plan de transportes e os cidadáns queden sen ese servicio básico”.
NINGÚN DÍA SEN TRANSPORTE
O portavoz popular destacou que, “gracias ao traballo da Xunta, non houbo ningún día sen transporte” e criticou que á oposición “só lle interesa poñer o foco nas incidencias puntuais que xa están resoltas”.
Así mesmo, Martín Fernández salientou que o Goberno galego “está realizando un traballo exhaustivo, con rigor técnico e participado”. Así, recordou que “non só se abriu á participación dos concellos a nivel individual, senón a outros sectores implicados como o colectivo educativo, a asociacións de transporte, empresas ou sindicato, entre outros”.