Santiago, 20 de novembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe no Parlamento que “ambicionamos que os orzamentos da Xunta para 2018 sexan sostibles ao longo do tempo, que a débeda non se incremente máis do necesario, que o investimento sexa con aforro e non con débeda; que medre o PIB; e que teñan como prioridade o social, a sanidade e a educación”.
No debate de totalidade das contas públicas para 2018, Puy iniciou a súa intervención felicitando ao equipo da Consellería de Facenda e ao conselleiro porque en menos de un ano foron quen de presentar nesta Cámara dous orzamento, dúas leis de medidas fiscais que acompañan aos orzamentos e unha lei de impulso económico. “Isto demostra a capacidade de traballo e a importancia da estabilidade política, que se traduce en certidume para os axentes económicos”, apuntou.
Pedro Puy considerou “axeitado” este orzamento porque “centra as prioridades no incremento do gasto, principalmente social; no investimento; e garante a sostibilidade do Estado de Benestar”. Neste sentido, salientou que “Galicia está con máis igualdade despois da crise que a media da Unión Europea e de España: 0,29 fronte a 0,35 e 0,31 no índice de Gini”, concretou
PLENA AUTONOMÍA
Na súa intervención, o portavoz popular salientou que os orzamentos “esgotan o teito de gasto, medra o gasto social e o investimento, cun endebedamento mínimo”. Ademais, afirmou que “seguimos tendo plena autonomía de gasto respecto da Administración central, ao tempo que temos apoio financeiro do Estado a custe practicamente cero como consecuencia de ser unha comunidade autónoma cumpridora”.
Puy sinalou que “non nos gustan as propostas da oposición”, a quen cualificou como “nostálxicos da burbulla inmobiliaria” por ambicionar “uns orzamentos inflados como os que fixeron en 2009, que provocaron que teñamos que pagar 1.600 millóns de euros polas liquidacións negativas e outros 900 millóns de euros que deixaron de débeda naquel ano”.
“Nós ambicionamos que os orzamentos sexan sostibles ao longo do tempo, para poder financiar o gasto social; que a débeda non se incremente máis do necesario, porque iso pode lastrar a recuperación futura e non debemos deixar débedas ás novas xeracións; que o investimento se faga con aforro e non con débeda; que medre o PIB, coa creación de emprego e o crecemento das empresas; e que sexan ambiciosos no social, a sanidade e a educación”, apuntou.