Santiago, 29 de novembro de 2017.- O PPdeG solicita aos socialistas galegos que arranxen as disputas insolidarias que se están xerando no seu partido polo reparto de auga. A decisión do Concello de Ponte Caldelas de convocar unha manifestación en contra de bombear recursos hídricos cara a área de Vigo amosa non só unha grave falta de sensibilidade ante as necesidades que ten a poboación desa zona senón que denota unha falta de compañeirismo evidente entre rexedores e compañeiros de partido.
A Xunta de Galicia non vai escatimar esforzos para axudar aos concellos afectados pola seca e poder afrontar estes momentos de escaseza, pero sería positivo que o habitual localismo que está inmerso na xenética dos socialistas en Galicia non lastre o labor que os poderes públicos deberían desenvolver de xeito coordinado e inmediato. Esta situación ten a suficiente gravidade como para que os dirixentes do PSOE fuxan da súa tradicional frivolidade á hora de afrontar os conflitos entre administracións.
Para o PPdeG, este problema só pode entenderse dende as tradicionais pésimas relacións que existen entre varios mandatarios dos socialistas galegos e o alcalde vigués, posto que a manifestación que convoca o rexedor de Ponte Caldelas non deixa de ser en contra da folla de ruta pactada co Concello de Vigo. As disputas orgánicas no seo do PSdeG non poden tomar como reféns aos cidadáns que ven con preocupación como a falta de precipitacións compromete o abastecemento a medio prazo.
O recentemente escollido secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, debería empezar a coordinar aos distintos dirixentes do seu partido e exercer un liderado que, se ben non é capaz de impoñer nos seus congresos provinciais, si debería tentar poñer en práctica na súa propia provincia e no que respecta á súa cidade.
Cómpre recordar ademais que o alcalde de Ponte Caldelas non fixo alegacións ás propostas pactadas ata a data de hoxe e nin sequera se dignou a acudir ás reunións de coordinación que tiveron lugar nos últimos días, semana e meses. Polo tanto, a súa proposta é a de “non é non” tan habitual neste “novo PSOE”.