San Cibrao das Viñas, 30 de novembro de 2017.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, acompañado dos deputados Marta Nóvoa, Cristina Romero e Moisés Blanco, visitaron esta mañá o concello ourensán de San Cibrao das Viñas, do que sinalou que é “unha mostra do que queremos que sexa toda Galicia e toda a provincia de Ourense”. “É un territorio con grande actividade industrial, no que hai xente nova, medra a poboación e en definitiva, hai futuro, grazas ás empresas que apostan polo país e gracias a unhas administracións que están ao seu carón para axudalas”, sinalou.
Neste sentido, Miguel Tellado tamén puxo en valor que nos Orzamentos da Xunta para 2018 se reservaron máis de 3,5 millóns de euros para iniciativas vinculadas a este concello ourensán e á súa industria, como obras de acondicionamento da Tecnópole (1,5 millóns), cursos de formación para desempregados en diversos postos (402.332€), a dotación de fondos para a Unidade Mixta de Investigación de Coren e o Centro Tecnolóxico da Carne (1,4 millóns), ou a colaboración co Centro Tecnolóxico da Madeira.
Os deputados populares comezaron a xornada cunha visita ao Parque Tecnolóxico de Galicia, que este ano cumpre un cuarto de século de vida. Esta institución naceu coa intención de crear un entorno dirixido a acoller, apoiar e potenciar iniciativas empresariais que apostasen pola tecnoloxía, a innovación e o desenvolvemento.
O viceportavoz popular sinalou que “25 anos despois, cremos que estas intencións cumpríronse porque hoxe o Parque Tecnolóxico conta cun cento de empresas de sectores moi diversos e que o converten no lugar de referencia que pretendía ser”. “É un espazo no que se emprega a 1.200 traballadores dunha alta cualificación, que elaboran produtos e servizos de alto valor engadido”, anotou.
REUNIÓN CON EMPRESARIOS
Ademais, os deputados do Grupo Popular participaron nunha reunión na Asociación de Empresarios do concello de San Cibrao das Viñas, na que Miguel Tellado subliñou a importancia de impulsar medidas para o abaratamento do solo, o incremento da competitividade das empresas e a mellora das súas capacidades para dar o salta cara os mercados internacionais. “Cremos na actividade empresarial como motor da economía, e sabemos que hai moito traballo por diante para impulsar os sectores clave para o país”, apuntou.
Neste mesmo sentido, lembrou que a recentemente aprobada Lei de Impulso da implantación de iniciativas empresariais busca reducir e axilizar trámites burocráticos, dar facilidade para dispoñer de solo industrial, reducir a presión fiscal sobre as novas empresas ou a potenciación de sectores clave como o eólico ou o forestal.