Santiago, 5 de decembro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado salientou hoxe no Parlamento a transparencia coa que a Consellería do Medio Rural está a informar sobre a loita contra a praza da couza guatemalteca. Neste sentido, indicou que, “coa prudencia e cautela que o tema aconsella, mantendo a aplicación das medidas e a garda e vixilancia das mesmas, e sen ser triunfalistas en absoluto, todo apunta a que as medidas adoptadas pola Xunta estanse manifestando eficaces e efectivas na loita contra esta praga”.
Carlos Gómez concretou que o Goberno galego ten respondido en 15 ocasións a solicitudes de información solicitadas polos grupos no Parlamento galego. Deste xeito, considerou que “deuse información máis que suficiente para avaliar obxectivamente os resultados da aplicación das medidas adoptadas contra a couza guatemalteca”.
REUNIÓNS DA COMISIÓN TÉCNICA
Ademais desta información, o deputado popular lembrou que se teñen celebrado dúas reunións da Comisión técnica de seguimento desta praga, creada logo do acordo o pasado mes de marzo na Comisión de Medio Rural do Parlamento co obxectivo de compartir a información e dar transparencia ás medidas de control que se levan a cabo.
A través desta Comisión, a Consellería “mantivo informados aos concellos e a todos os sectores afectados das actuacións levadas a cabo neste primeiro ano de aplicación das medidas establecidas para a loita contra esta praga”.
IMPORTANTE DIMINUCIÓN DAS CAPTURAS
Respecto das capturas de couza guatemalteca no campo, o deputado popular destacou “a importante diminución no número de exemplares capturados en concellos como Valadouro, Xove, Foz, Cervo e Alfoz na provincia de Lugo, e Mañón, Narón e Neda na provincia de A Coruña; así como o incremento producido nas trampas instaladas no concello de Ortigueira”.
Gómez Salgado informou que desde o 1 de maio ata o 31 de agosto recolléronse arredor de 350 toneladas de patacas, que foron destruídas nas instalacións autorizadas na planta de Cerceda.
“A efectividade das medidas pódese constatar na rápida detección da aparición de novas zonas afectadas pola couza, como foi o caso do Concello de Cariño, onde se procedeu á inmediata declaración de todo este municipio como zona afectada en aplicación do decreto do 8 de marzo”, indicou.
Así mesmo, a finais do mes de setembro había máis de 200 beneficiarios de axudas na provincia de A Coruña e máis de 1.000 na provincia de Lugo. Neste sentido, Carlos Gómez sinalou que a Consellería do Medio Rural xa comezou no mes de xullo a abonar as axudas pola retirada da pataca nas zonas afectadas”.