Santiago, 5 de decembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a avanzar na conservación e difusión da toponimia tradicional galega, nomeadamente a través dos traballos de xeorreferenciación do nomenclator e microtoponimia, así como o desenvolvemento da aplicación colaborativa para a revisión, corrección e actualización do nomenclator de Galicia.
Así mesmo, e logo dunha transacción co BNG, a proposición non de lei incorporou a solicitude para que se restitúa a toponimia legal nos lugares nos que non se cumpra a normativa, instando a todas as administracións públicas para que utilicen en todos os ámbitos os topónimos oficiais cuxa única forma legal é a galega.
A deputada popular María Antón lembrou que “correspóndelle á Xunta determinar os nomes oficiais dos municipios, territorios, núcleos de poboación, vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia”, ao tempo que a lei reserva para os concellos a determinación dos nomes oficiais para as vías urbanas no seu termo municipal.
ESFORZOS E AXUDA DE TODOS
Na actualidade, o nomenclátor das catro provincias galegas recolle máis de 41.000 topónimos revisados e máis de 3.500 estudados con profundidade. “Os topónimos maiores, os importantes que se refiren a concellos, a parroquias e aldeas xa está realizado, pero non é suficiente”, sinalou María Antón.
“Este é o momento da microtoponimia, para evitar que se perdan as referencias máis precisas de cada lugar, tanto na súa parte física, orográfica, de flora e fauna; como na parte costumbrista, social, mesmo imaxinaria coas lendas e mitos”, indicou a deputada popular.
Antón considerou evidente que “este traballo require dos esforzos e axuda de todos para preservar o importante patrimonio colectivo que atesouramos como sociedade, que forma parte da idiosincrasia do noso pobo e que temos a obriga de legar ás xeracións que nos sucedan”.