Santiago, 12 de decembro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia “xa está a traballar na mellora da seguridade da estrada PO-308 con actuacións previstas para o vindeiro ano nos concellos de Poio e Sanxenxo”. “Con todas as actuacións previstas, acabarase construíndo un itinerario peonil seguro e continuo desde Pontevedra ata A Lanzada”, apuntou.
Jacobo Moreira lembrou que a estrada PO-308 “configura a conexión da costa entre O Grove, Sanxenxo e Pontevedra, soportando en consecuencia un importante tránsito de vehículos”. “A Xunta está a respectar na explotación e conservación desta estrada a normativa vixente en materia de sinalización e configuración, traballando ademais na mellora da seguridade viaria co fin de protexer aos usuarios máis vulnerables, como poden ser os peóns”, apuntou.
ACTUACIÓNS CONCRETAS
Entre as actuacións na PO-308 dentro do Plan de Sendas, Moreira concretou que realizarase un itinerario peonil e ciclista de case catro quilómetros entre Covelo e Raxó, así como diversas fases no concello de Sanxenxo nos tramos Soutullo-A Lanzada (xa posta en servizo), Major-Soutullo (en execución) e Portonovo-Major (en fase de supervisión). A Xunta tamén realizará actuacións no concello de Poio, nos tramos Fontenla-Combarro e Combarro-Chancelas-Samieira.
“Todas estas actuacións estanse formulando coa participación dos concellos e da sociedade civil destes municipios, promovendo formalmente a participación con procesos de información pública dos proxectos”, manifestou o deputado popular.