Santiago, 12 de decembro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, avogou hoxe por respectar a autonomía das competencias municipais na decisión do Concello de Baiona no caso da tramitación da avaliación ambiental estratéxica do Plan Especial de dotación de infraestruturas As Costeiras. “A Xunta só pode esixir que se cumpra estritamente a normativa ambiental e sectorial desta aplicación e, por suposto, garantir que non existe conflito con intereses do dominio público hidráulico”, apuntou.
Martín Fernández asegurou que “o abastecemento á poboación está por enriba de todos os usos, aspecto recollido non só nos plans hidrolóxicos de cada conca, senón tamén na propia Lei de augas”.
INFORME DA XUNTA
“En ningún caso se pode ver afectado o abastecemento á poboación por un novo uso que se vaia desenvolver, debendo analizarse previamente ao outorgamento da concesión a existencia de recurso abondo e o posible impacto que a nova actividade pode producir nas masas de auga da conca”, apuntou.
Neste sentido, o portavoz popular explicou que a Xunta ten emitido un informe sobre a tramitación da avaliación ambiental estratéxica do Plan especial de dotación de infraestruturas As Costeiras de Baiona no que sinala que debe quedar garantido o abastecemento de auga, o saneamento e a xestión das augas pluviais; se deben facer os mínimos desmontes e terrapléns; e se debe respectara circulación da fauna e evitarse a fragmentación de masas vexetais.
Fernández Prado sinalou que “agora queda que o Concello remita á Xunta o estudo ambiental estratéxico do plan especial, no que deben incorporar os resultados da consulta pública e as consideracións ambientais”.
“En definitiva, a Xunta non entra a decidir a necesidade ou non dunha determinada infraestrutura deportiva nun concello, defendendo a competencia municipal aínda que se compartan ou non as resolucións municipais”, afirmou.