Santiago, 14 de decembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta a planificar e programar as iniciativas precisas para celebrar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural en 2018, mediante accións que permitan promover o debate e sensibilizar á sociedade galega arredor da importancia e valor do patrimonio cultural galego, e transmitir os valores da diversidade e do diálogo intercultural.
A deputada popular María Antón lembrou que o Parlamento e o Consello da Unión Europea acordaron que 2018 sexa o Ano do Patrimonio Cultural Europeo co obxectivo de subliñar a riqueza e a diversidade do patrimonio cultural europeo como unha das fortalezas da Unión Europea e do continente. Deste xeito, no marco desta celebración desenvolveranse toda unha serie de proxectos e programas encadrados nos obxectivos de compromiso, sostenibilidade, protección e innovación no eido do patrimonio cultural europeo.
María Antón considerou “evidente que Galicia non pode ser allea a esta celebración, xa que un dos nosos principais recursos patrimoniais é un símbolo de Europa: o Camiño de Santiago, no que se concentra patrimonio histórico-artístico, paisaxe, costumes, investigación, empregou ou ocio, entre outras cuestións”.
PROMOCIÓN DOS NOSOS VALORES
Porén, apuntou que o Camiño de Santiago “non é o único recurso patrimonial de Galicia, polo que debemos aproveitar esta oportunidade e seguir avanzando na promoción dos nosos valores, da nosa idiosincrasia e da nosa cultura, da nosa lingua e do noso estilo de vida, porque é a mellor forma de sermos europeos”.
A deputada popular indicou, ademais, que no sector do patrimonio cultural europeo traballan arredor de 300.000 persoas, ao tempo que máis de 7,8 millóns de empregos están vinculados indirectamente ao mesmo, como o turismo cultural ou a construción.