Alberto Núñez Feijóo anunciou hoxe a posta en marcha do Programa Ignicia, unha iniciativa pioneira que estará dotada con 7 millóns de euros ata 2020, para apoiar o acceso ao mercado de 30 proxectos de investigadores galegos.
O presidente do Goberno galego destacou o compromiso da Xunta coa investigación e sinalou que se trata dun acordo importante desde o punto de vista cuantitativo, pero tamén desde unha perspectiva cualitativa, xa que permite xerar novas empresas e patentes e impulsar a creación de emprego moi cualificado.
Como engadiu Feijóo, o programa nace en Galicia por dúas razóns: en primeiro lugar, pola existencia acreditada dun gran número de proxectos liderados por investigadores galegos con potencial de comercialización; e, en segundo lugar, polo éxito do Fondo de Ciencia da Fundación Barrié no que se basea este novo programa.
De feito, sinalou que nesta primeira convocatoria a Xunta contará co apoio da Fundación Barrié, que transferirá a metodoloxía e a súa experiencia.
A convocatoria do Programa Ignicia
O presidente da Xunta detallou que o programa apoiará proxectos que permitan validar unha tecnoloxía en condicións reais ou cuasi reais, promovidos por un organismo público ou privado de investigación con sede en Galicia, como son as universidades do sistema universitario galego; os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas; os centros na comunidade do Instituto Español de Oceanografía; as fundacións de investigación sanitaria de Galicia e os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica da comunidade. Prevense apoiar a preto de 10 proxectos de investigación ao ano co obxectivo de que ese ritmo siga estable ata 2020.
Poderá solicitarse o acceso ao Programa Ignicia por dúas vías. Na primeira, que sumará maduración e investimento, os proxectos de investigación presentados recibirán asesoramento e serán avaliados por expertos nacionais e internacionais. A avaliación realizarase en dúas fases, na primeira serán seleccionados un máximo de 25 proxectos e na segunda pasarán aqueles que acaden a puntuación mínima.
A segunda vía é exclusiva de investimento e está destinada a proxectos que participasen con anterioridade noutros programas de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación, ou ben aqueles que presenten un grao de evolución e maduración que lles posibilite saír ao mercado.
Como sinalou Feijóo, a través da vía de maduración e investimento poderán presentarse proxectos unha vez publicada a convocatoria no DOG e ata o 30 de setembro, mentres que a vía exclusiva de investimento estará aberta de forma continua.