Madrid, 5 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que, nas próximas eleccións autonómicas, “o reto en Galicia non é que gañe determinado partido ou certo candidato, senón que prevaleza un modelo de goberno fronte a un modelo que aspira a non deixar gobernar”, sentenciou, engadindo que se trata dun factor diferencial crucial con respecto a outras citas electorais.
Así se expresaba o líder dos populares galegos nun almorzo informativo con Europa Press en Madrid, onde reivindicou a faceta de representante de Estado que ten o presidente dunha comunidade autónoma e candidato a presidila, xa que este forma parte da política nacional. Neste sentido, sinalou que a política galega é política nacional e que a política nacional é un factor fundamental da política galega. “Somos un Estado das Autonomías, non un Estado rodeado de Autonomías”, sentenciou.
Por este motivo, o presidente do PP de Galicia aproveitou para expresar a súa opinión sobre a crise que desembocou na investidura fallida de Mariano Rajoy. Con respecto a isto, destacou que sobre o “principio incuestionable” de que as maiorías se constrúen no Parlamento, “preténdese levantar outro espurio segundo o cal esa maioría parlamentaria debe sortear a que se expresou nas urnas, e non completala como establece calquera lóxica democrática”. Nesta liña, engadiu que non existe política máis vella que a negativista. “Non hai política máis anacrónica que aquela que se fundamente en prexuízos e apriorismos”, asegurou.
Por outra banda, fronte a aqueles partidos que pretenden levantar muros, Feijóo sinalou que precisamente a inexistencia destes muros insalvables é o que distingue á Transición doutras etapas da historia española nas que existían dúas Españas. Neste sentido, lamentou que, aínda que a política española cambiou, as actitudes dalgúns políticos sigan obedecendo a antigos clixés. “Sabemos onde conduciu aquilo, e tememos onde nos pode levar isto”, engadiu.
“A política non é un xogo, nin unha especulación académica, nin un laboratorio. Non se pode xogar, especular nin experimentar con persoas”, afirmou o presidente dos populares galegos.
O EXEMPLO DE GALICIA
Feijóo asegurou que Galicia “é unha proba elocuente de que as políticas teñen consecuencias”. Neste sentido, lembrou que desde que foi elixido presidente da Xunta de Galicia no ano 2009 e, posteriormente, en 2012, optou sempre por dicir a verdade, mentres algúns dirixentes caeron na tentación de edulcorar os efectos da crise e as medidas necesarias para afrontala.
Deste xeito, en Galicia “adoptamos decisións rigorosas baseadas en tres principios: preservar a cohesión social, manter un nivel adecuado na prestación dos servizos e preparar a Galicia da recuperación”, asegurou.
Como consecuencia diso, “hoxe podemos dicir que esa política, ese superávit de responsabilidade, tivo consecuencias”, indicou, destacando as novas oportunidades de emprego, a eliminación de impostos como o de sucesións, medidas de conciliación, a construción de novos hospitais e centros de saúde e a renovación ou ampliación de infraestruturas sanitarias xa existentes e a mellora nos centros públicos de ensino.
Ademais, fixo fincapé en que en Galicia “sentímonos orgullosos de afrontar máis investimentos que ningunha outra comunidade española, soportando menos débeda” grazas á responsabilidade, anticipación e unidade. De feito, apuntou que foi a cohesión social e a estabilidade institucional as que fixeron posible que se afianzasen sectores tradicionais da industria galega, como o naval ou a automoción, e que aflorasen outros sectores emerxentes como o aeronáutico.
“A sociedade galega autodeterminouse para lograr que a crise estimulase a creatividade, a capacidade de emprender e a apertura”, sinalou, asegurando que “Galicia é un territorio máis aberto que antes da crise, a diferenza doutros que optaron por ensimesmarse”.
Neste sentido, aproveitou para explicar que nas próximas eleccións galegas comparece “un inconformismo creativo” e outro “destrutivo, declamatorio e estéril”. Como engadiu, o inconformismo creativo é o que inspirou as grandes etapas do autogoberno galego.
Baixo o punto de vista de Feijóo, “sen unha permanente capacidade de innovar, ofrecer novas ideas e expoñer ese inconformismo construtivo, o liderado dos populares galegos resulta difícil de explicar”, como tampouco se comprende, como puntualizou, “sen o proxecto unitario que ofrecemos fronte ao minifundismo partidario dunha esquerda que lembra nos seus debates ás polémicas bizantinas”.
Segundo Feijóo, a pretensión de trasladar a Galicia eses muros, eses apriorismos, eses negativismos que por desgraza se están enseñoreando da política española, tópase cunha sociedade de síntese como a galega.
“Galicia é para quen lles fala unha aprendizaxe constante. Non deixei de ser un discípulo dos galegos que durante estes anos edificaron un país amable, moderno e unido”, concluíu o líder dos populares galegos.