Lembra que o ictus é a segunda causa de morte en España e a primeira causa de mortalidade feminina, e subliña que no pasado ano ingresaron por este motivo preto de 4.300 persoas nos hospitais galegos
O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a creación do Rexistro galego de ictus, ferramenta que permitirá seguir mellorando a eficacia e axilidade dos procedementos e protocolos de atención.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que este sistema de información recollerá, de xeito obrigatorio, todos aqueles episodios relacionados coa atención do paciente que sofre un ictus: centro que realiza a chamada, hora de inicio dos síntomas, hospital onde foi realizada a primeira atención, hora de chegada ao hospital, tipo de ictus, criterios de prioridade, administración de medicamento, hora de administración do medicamento, derivación á Unidade de Ictus para trombectomía endovascular, centro ao que se deriva ao paciente e hora de trombectomía endovascular.
O titular do Goberno galego subliñou que, a partir da información que se vaia recollendo, poderanse perfeccionar os procedementos e protocolos do Plan de atención ao ictus; “e, deste xeito, reaccionar con maior axilidade e eficacia ante os casos que se dean na comunidade”.
Logo de lembrar que o ictus é, na actualidade, a segunda causa de morte en España e a primeira causa de mortalidade feminina, Feijóo subliñou que no pasado ano ingresaron por este motivo preto de 4.300 persoas nos hospitais galegos.